Asociación Pedra do Moucho – comeza o cuarto ciclo de teatro afecionado

TIRULEQUE TEATRO ABRE MAÑÁ SÁBADO O IV CICLO DE TEATRO AFECCIONADO “PEDRA DO MOUCHO”

O certame incluirá tres actuacións teatrais no teleclube de Ons (Brión), ás 20:30 horas. A entrada é libre e gratuíta

28 de outubro de 2011.- A compañía “Tiruleque Teatro” abrirá mañá sábado 29 de outubro unha nova edición do Ciclo de Teatro Afeccionado “Pedra do Moucho”, que por cuarto ano consecutivo organiza a asociación cultural e deportiva “Pedra do Moucho”. Un ciclo que tamén conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación Provincial da Coruña, da Consellería de Cultura e Turismo e da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).

“Tiruleque Teatro” presentará a súa obra “Silicon Valley” ás 20:30 horas no teleclube de Ons (Brión). A entrada é libre e de balde ata completar o aforo. Os integrantes deste grupo de teatro de O Carballiño representarán unha comedia escrita e dirixida por Xosé Prada e que conta a historia dunha parella de noivos que tratan de persuadir a un dos seus pais para que non se opoña á relación.

A asociación cultural e deportiva “Pedra do Moucho” ten programadas outras dúas actuacións máis neste ciclo de teatro afeccionado: A Mámoa Teatro, con “A casa dos líos” (sábado 12 de novembro) e Candelexas Teatro, con “En busca da chacha perdida” (sábado 26 de novembro). Durante a edición de 2010, este ciclo de teatro afeccionado contou cunha media de cen participantes por sesión.

Ningún comentario: