O CONCELLO DE OROSO ACONDICIONARÁ O INMOBLE DO ANTIGO CENTRO DE SAÚDE PARA CONVERTILO DENDE XANEIRO NA SEDE DA AULA DE MÚSICA
O Concello creará unha comisión de seguemento da Aula de Música, en contacto cos pais, para evitar os problemas de anos anteriores
22 de outubro de 2011.- O Concello de Oroso vai acondicionar o inmoble do antigo centro de saúde de Sigüerio para convertilo na sede permanente da Aula de Música dende o vindeiro mes de xaneiro. Así o confirmou o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, a unha vintena de pais e nais de Oroso durante unha reunión informativa para a posta en marcha da Aula de Música celebrada na noite de onte no centro cultural de Sigüeiro.
Antonio Leira explicou que “o noso obxectivo é que os nenos aprendan música, desenvolvan o seu sentido musical e o pasen ben. Se iso desemboca nunha banda de música, pois mellor, pero agora o que temos é que empezar cun local e cun proxecto novos. Por iso a partir do mes de xaneiro teremos un espazo propio para a Aula de Música e uns profesores que establecerán uns horarios fixos para as distintas idades e os distintos niveis”.
Ese novo espazo ubicarase en cinco salas do inmoble do antigo centro de saúde, cuxas chaves acaban de ser entregadas pola Xunta ao Concello de Oroso. Neste vindeiro trimestre, o Concello de Oroso realizará obras de acondicionamento interior do inmoble para adaptalo á súa función como sede da Aula de Música. Unhas obras que inclúen, por exemplo, unha reorganización dos aseos no inmoble, xa que cada unha das cinco futuras aulas dispón na actualidade de baños. A intención do Concello de Oroso é deixar uns baños comúns e gañar así máis espazo para as aulas.
Comisión de seguemento
Leira Piñeiro coincidiu cos pais e nais presentes na reunión en que esta actividade naceu con moita ilusión pero que o servizo foise deteriorando progresivamente dende que houbo que deixar as instalacións que estaban a usar os rapaces no CEIP de Sigüeiro por decisión da Dirección do Centro. Iso motivou continuos cambios nos horarios das clases, que tiveron que trasladarse ao centro cultural de Sigüeiro. Os cambios de sede e de horarios, unidos a un descontento xeralizado do profesorado coa empresa que prestaba o servizo, fixo que o servizo se fose deteriorando pouco a pouco e que o número de participantes minguara de xeito progresivo.
“Agora imos empezar cun local permanente e cun proxecto novos”, explicou Antonio Leira, quen anunciou a creación dunha Comisión de Seguemento que “será básica para o funcionamento da Aula de Música, evitar que se produzan os problemas de anos anteriores e manter un maior contacto dos pais”. Por iso animou a todos os nenos e nenas que “queiran disfrutar da música” a que se apuntan a esta nova Aula de Música pois “o que buscamos é que se animen a practicar a música e fomentaremos que fagan actuacións e concertos. Que iso deriva na creación dunha banda de música, pois mello, pero agora o que buscamos é que os nenos aprendan música e o pasen ben”.
O Concello de Oroso rematará nos vindeiros días os pliegos de condicións para sacar a concurso o servizo de Aula de Música, que será prestado por unha empresa concesionaria que establecerá as materias e os horarios. O periodo de matrícula abrirase no mes de decembro e as clases comezarán en xaneiro de 2012. “Non vai ser unha escola titulada porque nos iríamos a uns costes moi elevados”, explicou Antonio Leira, quen coincidiu cos pais e nais presentes en que o importante non é tanto o currículum profesional do profesor como a súa empatía cos rapaces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario