ASUNTOS ECONÓMICOS E A RETIRADA DO NOMEAMENTO DE FRANCO COMO ALCALDE HONORARIO CENTRARÁN O PLENO ORDINARIO
· Actualizaranse dúas taxas sen modificar dende o ano 2004, que non entrarán en vigor ata finais do 2012
· No caso da taxa pola recollida do lixo o goberno xustifica o incremento xa que o recadado só chega a un 30% do custe do servizo, que está preto do millón de euros
26 de outubro de 2011. A corporación teense reúnese este xoves 27 de setembro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.
Ademais da proposta de retirada do nomeamento como “alcalde honorario” do Concello de Teo ó ditador Francisco Franco serán puntos destacados desta sesión temas económicos como a actualización de dúas taxas anuais, que se veñen cobrando sen ningunha modificación nin actualización do IPC dende o ano 2004, concretamente o imposto sobre vehículos de tracción mecánica e a taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana.
Segundo se destaca no expediente de tramitación do pleno o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) permanece inalterable dende a súa aprobación no pleno de novembro de 2004. Despois de realizar unha comparativa con concellos da provincia de máis de 10.000 habitantes conclúese que o coeficiente aplicado en Teo está por baixo da media destes municipios. O grupo de goberno propón que o coeficiente, que pode ser de ata 2 puntos, pase de 1,10 a 1,25 sendo aínda así inferior ó aplicado en moitos concellos do entorno e con menos habitantes.
Sobre a taxa da recollida de lixo dende o grupo de goberno destácase que o recadado actualmente por esta taxa é claramente deficitaria en relación ó custe do servizo. Mentres que os custes da recollida de residuos sólidos urbanos e o seu tratamento teñen un presuposto anual de case un millón de euros o recadado ata o momento está en torno ós 300.000 euros. Esta taxa, como no caso anterior foi aprobada no ano 2004 e dende entón non se modifica nin se actualiza o IPC, a pesar de que na propia ordenanza se explicitaba que se realizaría “un incremento anual automático igual ao IPC oficial correspondente ao ano natural anterior”.
A proposta de incremento dos recibos sería para os núcleos urbanos de 59 a 68 euros e no caso das vivendas no medio rural de 30 a 47 euros. Cabe destacar que no 2004 existía un acordo na mancomunidade de aplicar un único recibo para todas as vivendas de 59 euros, que o goberno teense non aplicou naquel momento, sendo o único municipio con recibos diferenciados segundo as vivendas sexan da zona urbana ou da zona rural.
Os recibos da recollida de lixo e do IVTM son anuais e o incremento non será efectivo ata outubro-novembro do ano 2012.
Outro dos puntos de debate será a proposta de retirarlle o nomeamento de “alcalde honorario” ó ditador Francisco Franco que lle foi outorgado pola corporación teense no ano 1939. O grupo de goberno destaca que se leva a pleno esta cuestión en canto se soubo desta circunstancia e se tivo a documentación histórica que o proba, froito da labor de catalogación e investigación do arquiveiro municipal.
Na sesión ordinaria tamén se debaterán varias propostas do Partido Popular. Nunha delas instase ó goberno local a realizar un plan de aforro enerxético sobre a iluminación urbana e en todos os edificios públicos do Concello ademais de propoñer a búsqueda de subvencións. Outra das mocións populares apunta a creación dunha comisión especial de carácter permanente para un plan de vertebración do Concello.
A orde do día ten os seguintes puntos:
- Dar conta das resolucións da alcaldía /da 678/11 á 789/11).
- Dación de contas do informe conxunto de tesourería e intervención sobre o cumprimento de prezos de pago das operacións comerciais (2º trimestre de 2011).
- Dación de contas do informe conxunto de tesourería e intervención sobre o cumprimento de prazos de pago das operacións comerciais (3º trimestre de 2011).
- Ditame da proposta da alcaldía de “retirar o nomeamento de alcalde honorario de Teo ao ditador Francisco Franco”.
- Ditame da proposta de aprobación do expediente de contratación do servizo de conservación e mantemento do alumeado público e instalacións municipais en Teo.
- Ditame da proposta da alcaldía de expediente de modificación de crédito 14/2011, transferencia de crédito 09/2011.
- Ditame da proposta da alcaldía de revisión de prezos do contrato de xestión do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos (RSU) e limpeza viaria no Concello de Teo.
- Ditame da proposta da alcaldía para acollerse ó disposto no real decreto-lei 8/2011 de 1 de xullo.
- Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana.
- Ditame da proposta da alcaldía de modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.
- Mocións.
- Rogos e preguntas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario