31 persoas asisten á Escola Municipal de Adultos de Ames para obter o título da ESO
A Escola Municipal de Adultos de Ames botou a andar un ano máis con 31 persoas inscritas. Este servizo, en funcionamento dende o curso 2004-05, ofrece formación para obter o título de ensino secundario a todas aquelas persoas que teñen máis de 18 anos. O ano pasado 19 alumnos/as obtiveron o Título de Graduado en Educación Secundaria. As clases impartíranse catro días a semana, en horario de 18:00 h. a 21:00 h, nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova. Esta iniciativa ofrece un servizo de titoría que lle axuda ao laumnado a preparar as distintas materias das que se terán que examinar. Os exames realizaranse no Instituto San Clemente de Santiago. Cada alumno ten a oportunidade de realizar dous cursos por ano académico. O prazo para matricularse está aberto permanentemente durante todo o ano. Este luns, 24 de outubro tivo lugar a primeira sesión da Escola Municipal de Adultos. A esta primeira clase de presentación asistiu o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, para darlles a benvida aos alumnos/as.
A Escola Municipal de Adultos axúdalles ás persoas maiores de dezaoito anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Cultura, Educación e Patrimonio, son impartidas nunha das aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova.
Neste momento son 31 os alumnos e alumnas matriculados, que ou ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre de xuño, tentarán obter o título de educación secundaria. Este ano, as persoas que están inscritas van dende os 20 ata os 50 anos, aínda que a maioría do alumnado ten entre os 30 e 40 anos.
O luns, 24 de outubro tivo lugar a primeira sesión da Escola Municipal de Adultos. A esta primeira clase de presentación asistiu o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, para darlles a benvida aos alumnos/as. Alfonso Rey animou a todas as persoas que están inscritas na Escola Municipal de Adultos a que traballen duro e acaden o título da ensinanza secundaria obrigatoria.
A matrícula está aberta todo o ano
A Escola Municipal de Adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta queda función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final en xuño no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde outubro para ter maiores garantías de aprobar. Ademais, durante o curso realízanse varios exames parciais. O primeiro exame parcial terá lugar os días 21 e 22 de novembro dependendo do módulo que curse cada un dos alumnos.
O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que conforman a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico.
A educación que ofrece a Escola Municipal de Adultos baséase principalmente na autoaprendizaxe en función das experiencias propias, as necesidades e os intereses do alumnado, e é un ensino presencial. Con esta iniciativa, e máis en tempo de crise, ofrécese a oportunidade a un grande número de persoas de melloraren o seu currículum e contar así con maior formación e posibilidades desde o punto de vista laboral.
As clases impártense nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral en horario de 18:00 h. a 21:00 h. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.
Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para este curso 2011-12 no departamento de Educación, situado na praza do Concello en Bertamiráns e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden telefonar ao departamento de Educación a través do número 981 891 476.
Ningún comentario:
Publicar un comentario