O BNG de Teo convida a asistir este venres a un magosto tradicional en Cacheiras
Castañas asadas, música tradicional, galeoke, petiscos e xogos populares serán os ingredientes do magosto
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2011.- O BNG de Teo organiza este venres a partir das 19:00 horas no local social da Torre, en Cacheiras, un magosto no que haberá petiscos, música e xogos populares para todas as persoas que se acheguen.
Ademais das tradicionais castañas asadas, o evento estará amenizado pola actuación de Alvariza, un grupo de música tradicional galega. Alvariza naceu no ano 2000 coa intención de preservar a música que antigamente se facía nas verbenas de finais do século XIX e de principios del XX, do estilo das orquestinas, murgas ou charangas. Esta agrupación galega, inserida na música de raíz, utiliza unha instrumentación variada que convidará, sen dúbida, a crear o ambiente festeiro para o magosto.
Petiscos, xogos tradicionais e un galeoke con cancións populares galegas complementarán a oferta de lecer e de balde, que prepara o BNG de Teo, para este venres dende as 19:00 horas en Cacheiras, aberta á participación de todas as persoas que se queiran achegar e pasalo ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario