Silleda – obradoiro de cerámica

Breixa e as parroquias da contorna acollen un obradoiro de cerámica sobre a arte románica en Trasdeza

-O ciclo, cunha duración de tres meses, será impartido polo artesán Antonio González Abal

-Como preludio, o sábado terá lugar unha exposición no marco da festa da castaña

Silleda, 26 de outubro de 2011. O vindeiro mes de novembro dará comezo un obradoiro de cerámica sobre a arte románica do municipio de Silleda. Este ciclo, cunha duración de tres meses, será impartido polo artesán silledense Antonio González Abal e celebrarase no centro social da parroquia de Breixa, onde a igrexa de Santiago é unha das mellores representacións do estilo arquitectónico en Galicia, xunto con outros templos da contorna coma o de Ansemil, O Castro, ou a gran xoia do románico oxival: o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.

O ciclo terá unha duración de 45 horas, repartidas en tres meses. O inicio e frecuencia semanal pactarase cos participantes, que poden realizar as inscricións na Casa da Cultura de Silleda ou chamando ao 986 581028. O prezo do obradoiro é de 15 euros ao mes.

Como preludio as sesións, o vindeiro sábado día 29 de outubro no marco da XII Festa da Castaña de Breixa , terá lugar unha exposición de González Abal sobre o románico de Trasdeza, onde os visitantes poderán coñecer pezas que mesmo despois modelarán coas súas mans no curso proposto.

Con esta proposta búscase que os participantes aprendan a valorar e a transmitir a importancia dos valores patrimoniais do seu entorno, xa que moitas veces o rico patrimonio románico non está suficientemente valorado polos veciños máis próximos a estes monumentos.

“É unha iniciativa cultural para pór en valor o noso patrimonio municipal, seren os vecinos coñecedores do mesmo para logo poder transmitilo, constituíndo unha iniciativa turística fundamental para implicar os residentes e visitantes”, engade o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre.

Ningún comentario: