Teo – o pleno retiraralle a Franco o nomeamento de alcalde honorario

O PLENO RETIRARALLE Ó DITADOR FRANCISCO FRANCO O NOMEAMENTO DE “ALCALDE HONORARIO” DO CONCELLO DE TEO

· A comisión informativa de Cultura celebrada esta mañá ditaminou favorablemente esta proposta que se debaterá e votará no pleno ordinario deste próximo xoves

24 de outubro de 2011. O pleno ordinario do Concello de Teo debaterá este xoves a proposta da alcaldía de retirar o nomeamento de “alcalde honorario” de Teo ó ditador Francisco Franco. Este tema xa se levou a comisión informativa esta mañá onde foi ditaminada favorablemente cos votos a favor de todos os grupos.

Segundo se explica na proposta da alcaldía a labor de estudo e catalogación realizada polo arquiveiro municipal de Teo fixo posible que este pasado verán se localizase a documentación que permitiu coñecer que Franco fora nomeado no ano 39 alcalde honorario de Teo.

A proposta que se leva a pleno propón a retirada do nomeamento como “alcalde honorario” ó ditador ademais de condenar o levantamento militar e a ditadura que eliminou a democracia das institucións. O grupo de goberno tamén destaca que esta decisión se adopta “en recoñecemento do sufrimento da vítimas da ditadura, e co obxectivo de que estes denigrantes feitos non caian no esquecemento”.

Na documentación histórica aparecida no arquivo municipal pódese ver que o 17 de xuño do ano 1939, o alcalde do Concello de Teo e catro concelleiros, se reúnen en sesión extraordinaria para nomear “Alcalde Honorario da Corporación de Teo a Francisco Franco Bahamonde, Xefe do Estado Español”. No estudo realizado tamén apareceu unha certificación do citado acordo plenario enviado ó Gobernador Civil da Provincia.

Ningún comentario: