Oroso / Ordes – obradoiro de integración para mulleres

UN TOTAL DE 24 MULLERES INMIGRANTES DE ORDES E OROSO PARTICIPAN NO PROGRAMA DE INTEGRACIÓN SOCIAL “DESCÚBRETE” DA MANCOMUNIDADE DE ORDES

En Oroso as participantes eran maioritariamente de Senegal e do Brasil, mentres que en Ordes o colectivo era íntegramente de orixe árabe

25 de outubro de 2011.- Un total de 24 mulleres inmigrantes participan esta semana na iniciativa “Descúbrete”, un programa da Mancomunidade de Municipios de Ordes para favorecer a integración social das mulleres inmigrantes na comarca ordense. Un programa que na tarde de onte luns se puxo en marcha na casa da cultura de Ordes e no centro cultural de Oroso e que se volverá repetir este xoves 27 nas mesmas localidades.

O programa abriuse na casa da cultura de Ordes co obradoiro “Os teus sentimentos”, no que participaron doce mulleres de orixe árabe, colectivo maioritario entre a poboación inmigrante no municipio ordense. Ao longo de dúas horas, os monitores fixeron fincapé no valor destas mulleres e na importancia de que poidan crear e manter redes entre elas para intercambiar experiencias vitais. Por iso, na xuntanza non só se promoveu a autoestima deste colectivo, senón que tamén se impulsou o contacto e a colaboración entre elas.OROSO - OBRADOIRO INTEGRACION OCTUBRE 2011

Ás 19:00 horas, o programa “Descúbrete” trasladouse ata o municipio de Oroso, onde participaron outras doce mulleres inmigrantes, nesta ocasión procedentes do Brasil e do Senegal, maioritariamente. Neste caso, monitores da ONG Médicos do Mundo impartiron o obradoiro “O teu dereito á saúde”. Durante dúas horas explicáronlles ás asistentes os seus dereitos básicos en materia de saúde, así como as distintas ferramentas das que dispoñen a nivel municipal, autonómico e estatal para facer valer os seus dereitos e os das súas familias.

Próximas citas

“Descúbrete” é un programa de integración social das mulleres inmigrantes organizado dende o Centro de Información á Muller. Conta coa financiación da Secretaría Xeral de Emigración e o Ministerio de Trabajo e Inmigración, así como a colaboración da ONG Médicos do Mundo e dos Concellos de Oroso e de Ordes.

As próximas citas terán lugar este xoves 27 de outubro en Oroso e Ordes, que intercambiarán o obradoiro celebrado onte. Deste xeito, o centro cultural de Sigüeiro acollerá a xornada “Os teus sentimentos”, de 10:00 a 12:00 horas; mentres que a casa da cultura de Ordes fará o propio con “O teu dereito á saúde” entre as 16:30 e as 18:30 horas. Todos estes obradoiros son de asistencia totalmente gratuita e a Mancomunidade de Ordes puxo a disposición das participantes un servizo de canguraxe.

Ningún comentario: