O PLENO MUNICIPAL DO CONCELLO
DE TORDOIA APROBA A ACTUALIZACIÓN DE CINCO TAXAS TRALO ABANDONO DA OPOSICIÓN
Os concelleiros socialistas deixaron a sala ao considerar que o pleno debía ter carácter extraordinario
26 de outubro 2011.- O Pleno municipal do Concello de Tordoia aprobou esta mañá por uninimidade a totalidade dos puntos que se levaron no orde do día xa que o grupo municipal socialista na oposición decidiu abandonar en bloque o pleno municipal argumentando que se estaba celebrando un pleno “ilegal”. Os tres concelleiros socialistas manifestaron a súa disconformidade coa celebración deste pleno con carácter ordinario, ao considerar que a celebración dun pleno o mes pasado facía necesario que este de outubro fora extraordinario. Ao mesmo tempo, o grupo socialista tamén argumentou que as actas non recollían as correccións que solicitaran no pleno de setembro, algo que corresponde subsanar a secretaria municipal. Co seu abandono, a oposición non asistiu ao debate sobre ningún dos puntos da orde do día.
“Ao comezo desta lexislatura, e por iniciativa do goberno local que presido, decidimos celebrar os plenos con carácter trimestral e celebrar Xunta de Goberno Local cada quince días para manter a transparencia na nosa xestión e diminuir os gastos por dietas”, explicou o rexedor tordoiés, Antonio Pereiro, “pero esto non significa que non poidamos celebrar máis plenos con carácter ordinario no mesmo trimestre, cando a xestión municipal así o requira pero seica a oposición non quere traballar máis dunha vez cada tres meses”, afirmou Pereiro Liñares, quen explicou que tanto o pleno celebrado o último xoves do mes de setembro como o de hoxe son perfectamente legais, en atención á Ley 7/85, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local.
Tralo abandono do grupo socialista, o pleno municipal continuou coa aprobación da actualización de catro taxas municipais, correspondentes a recollida de lixo, que queda fixada en 6€/mes para os particulares e 12€/mes para as empresas; a taxa de suministro de auga potable e servizos complementarios, que se incrementa nun 3% e que deberá abonar Aquagest. A ocupación de subsolo, solo e vo en vía pública, cuxas taxas quedaron establecidas do mesmo xeito que o resto dos concellos da mancomunida de Ordes así como as ordenanzas polo emprego do pavillón polideportivo e de actividades deportivas e culturais foron as outras dúas ordenanzas que se someteron a revisión.
Simplificación e regulamentación
Estas dúas últimas tamén se simplificaron na súa redacción para facer máis doada a súa xestión. Así, a taxa polo uso do pavillón polideportivo subiu nun euro por hora, pasando de 9€/hora a 10€/hora mentres que polas actividades deportivas promovidas polo Concello de Tordoia incrementáronse entre un 30 e un 40%, establecéndose tamén novas taxas para empadroados e non empadroados, que terán que abonar unha cantidade superior a aqueles que sí estén censados no Concello.
A ordenanza establece, ademáis, taxas diferencias para os menos de 18 anos e os maiores de 65 anos, así como para aquelas persoas con minusvalías. Finalmente, o pleno municipal estableceu tamén unha nova ordenanza municipal, correspondente á implantación dunha taxa por utilización das instalacións culturais e outros servizos análogos. “O obxectivo era establecer unha regulamentación para o uso dos locais sociais e a Casa da Cultura que faga doado o emprego destas instalacións cuxo uso queda establecido cun custo por día de cinco euros para os locais sociais e de dez para a Casa da Cultura”, explicou o alcalde de Tordoia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario