Silleda – polémica sobre o mercado de gando

Paula Fernández: “É momento de deixarse de localismos co debate do mercado de gando”

-A alcaldesa de Silleda considera que á marxe da liberdade de opinións, débese de ter en conta o interese xeral “sobre todos nestes momentos de crise e facer unha aposta decidida por contar cun mercado que sexa referente”

Silleda, 24 de outubro de 2011. Logo das múltiples informacións aparecidas nos últimos días nos medios de comunicación sobre o mercado de gando de Amio e o seu futuro, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, apela ao sentido común “por riba de ideoloxías” neste asunto.

Fernández Pena lembra que hai escasamente un mes a Consellería de Presidencia, como máxima responsable da Fundación Semana Verde de Galicia, lle informou do posible traslado do certame de Amio, a petición do Concello do Santiago, ao recinto feiral silledense. Ademais, según se indicou daquela, ese traslado, unificando os dous mercados, se faría efectivo en breve, a finais deste ano.

Neste senso, Paula Fernández avoga pola prudencia á espera de que se tomen decisións sobre o asunto . “Creo que é o momento de deixarse de localismos co debate do mercado de gando. É bo que haxa diversidade de opinións, e por suposto, é moi lexítimo que cada un defenda os intereses do seu pobo, mesmo por riba de siglas políticas”, di a alcaldesa. “Pero o que non é de recibo é que dentro da propia comarca do Deza haxa voces discordantes, e que algúns tomen como máxima á hora de facer oposición usar o non polo non”, di sobre as últimas manifestacións do PSOE de Lalín. “Non me doerán prendas en criticar as voces do meu partido cando así a considere oportuno, e penso que neste caso os compañeiros de Lalín están moi equivocados”, engade.

Sobre a oferta de Oroso, a alcaldesa de Silleda dí que o rexedor está en todo o seu dereito, pero que, “coa que está caendo o que non se pode e seguir coa política de facer en Galicia reinos de taifas con servizos, recintos e outras instalacións”. Por iso, “e sempre no caso de que o Concello de Santiago decida finalmente trasladar o mercado de Amio”, remarca a alcaldesa, as instalacións de Silleda, dentro dun recinto que conta xa con todos os servizos, “serían as máis axeitadas para que Galicia conte cun mercado gandeiro unificado que poida ser referente en todo o Estado”.

Paula Fernández incide en que é necesario “deixarse de polémicas e oportunismos que non veñen a nada”, agardar a que se tomen ou non decisións e atender tamén ás demandas e necesidades dos colectivos implicados directamente, coma gandeiros e tratantes.

Ningún comentario: