OS RECORTES DA XUNTA DE GALICIA POÑEN EN RISCO PROGRAMAS ESENCIAIS DOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS
· Na resolución da Consellería de Benestar do Plan Concertado o Concello de Teo sufre unha reducción de máis de 10.000 euros para o servizo de Axuda no Fogar respecto do ano pasado
· Segundo explica o edil de Benestar, Ignacio Iglesisas “a inseguridade xurídica que crea a Xunta con modificacións de liñas de subvencións oficiais non permite planificar o traballo nos Servizos Sociais Comunitarios”
27 de outubro de 2011. Os recortes da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais poñen en grave risco a continuidade de programas esenciais dos servizos sociais municipais. Así de rotundo se amosa o concelleiro de Benestar do Concello de Teo, Ignacio Iglesias, despois de coñecer a resolución da Consellería de Traballo do Plan Concertado do 19 de outubro, pola que se recortan partidas respecto do ano pasado.
Así nesta resolución do Plan Concertado, polo que a Xunta cofinancia os servizos sociais dos Concellos, detéctase unha reducción de máis de 10.000 euros respecto o ano pasado nun só programa, o Servizo de Axuda no Fogar de acceso libre. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un progama de xestión municipal que conta con dous tipos de usuarios, os de acceso libre e os de dependencia. Os usuarios de dependencia son casos atendidos dende o Concello pero que contan co financiamento da Xunta xa que é a autonomía a que outorga a dependencia. Sen embargo no caso dos usuarios de acceso libre a Xunta recorta drasticamente o orzamento respecto dos anos anteriores. Neste momento en Teo hai 25 usuarios/as de dependencia e 21 usuarios/as de acceso libre.
Ignacio Iglesias destaca tamén que “a resolución chega en outubro, cando o SAF é un servizo municipal externalizado que o Concello de Teo paga mensualmente á empresa concesionaria”. Trátase de gastos realizados xa e os recortes da Xunta de Galicia nesta materia “impiden calquera tipo de previsión”. O edil de Benestar apunta tamén que estes recortes veñen motivados pola orde do 9 de setembro de 2011 da Consellería de Traballo na que se modificaban as bases da orde inicial de referencia para os servizos sociais municipais, do 3 de marzo de 2011. Este recorte queda exemplificado na diminución do que se destina este ano por parte da Xunta de Galicia a cofinanciar o SAF libre, 2,3 millóns de euros, mentres o ano pasado se investiran 8,7 millóns de euros.
Iglesias destaca que “a inseguridade xurídica que crea a Xunta con modificacións de liñas de subvencións oficiais non permite planificar o traballo nos Servizos Sociais municipais”. E lembra que “non falamos de obras ou asfaltados se non de programas de intervención con persoas”.
Recorte drástico para colectivos desfavorecidos
Por outra banda este ano a Xunta tamén decidiu eliminar unha subvención que se recibía no Concello dende o ano 2008 que permitía traballar na integración do pobo xitano. O ano pasado recibíronse 6.000 euros para traballar con este colectivo, mentres que na resolución deste ano o recorte é do 100%, non recibindo nin un euro para esa acción. Co agravante segundo explica Ignacio Iglesias “de que o Concello está traballando dende hai meses con este colectivo, xa que entendemos que os programas deben ter unha continuidade xa que se non o traballo iniciado e os cartos gastados deixan de ter incidencia”. Este recorte é froito da diminución da partida orzamentaria nun 90% realizado na modificación da orde de subvencións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario