O CONCELLO DE TEO ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN AGADEA
· Este acordo permitirá a posta en marcha das Aulas de estimulación integral encamiñadas a previr e colaborar coas persoas afectadas de deterioro cognitivo así como ás súas familias e coidadores
· Onte comezou un curso dirixido a coidadores de enfermos/as de alzheimer cunha conferencia inaugural do doutor Alfredo Robles na que estivo presente o alcalde de Teo, Martiño Noriega e o concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias
25 de outubro de 2011. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, en representación do Concello de Teo, asinaba onte un convenio de colaboración con Agadea (Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer). A representante da asociación foi a súa presidente, Isabel Gey.
Este convenio permitirá en palabras do rexedor teense “aproveitar sinerxias” e en termos prácticos a través desta nova colaboración poranse en marcha as Aulas de estimulación integral, dirixidas a persoas en estados iniciais da enfermidade de deterioro cognitivo. Nestas aulas utilizaranse distintas técnicas como xerontoximnasia, psicomotricidade, estimulación cognitiva, musicoterapia ou arteterapia de cara a potenciar as capacidades das persoas e mellorar a súa calidade de vida. Dende a concellería de Benestar, dirixida por Ignacio Iglesias, destácase que “esta atención con persoal especializado posibilita intervencións individuais e grupais, favorecendo a sociabilidade e as relacións persoais”. Está previsto que estas aulas se realicen en horario de tarde dous días á semana nunha das Casas Comúns.
Sen embargo a colaboración entre o Concello de Teo e Agadea xa permitiu a posta en marcha dun curso para coidadores de enfermos/as de Alzheimer que comezou onte cunha conferencia do neurólogo Alfredo Robles en Calo. Máis de trinta persoas participaron nesta sesión na que se incidiu na importancia da prevención do alzhéimer, unha das demencias máis frecuentes, así como na diagnose e tratamento adecuado para ralentizar os efectos da enfermidade. O conferenciante tamén destacou a necesidade de que todos os actores implicados no tratamento desta doenza teñan unha actitude integrada e destacou a incidencia do alzheimer e os seus efectos no entorno como un problema sociosanitario e económico de primeira orde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario