BNG A Estrada – periodo de alegacións o IBI

"Temos que frear en seco esta suba de impostos do 60%"

Abriuse o prazo para presentar alegacións á ordenanza que elimina a bonificación do IBI

Xosé Magariños pídelle ao alcalde que convoque inmediatamente unha comisión de facenda ou unha xunta de portavoces para saber que criterios, cales son as funcións e que se lle está explicando á xente nesa oficina que abriu o concello no ORAL

A Estrada, 27 de outubro de 2011: O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a ordenanza do Concello da Estrada coa eliminación da bonificación do IBI que afecta tanto aos inmóbeis da vila como do rural.

Neste sentido o BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños reiterou unha vez máis “a frear en seco esta suba de impostos do 60%, interpoñendo a correspondente alegación, para o que haberá un prazo de 30 días desde mañá venres”.

Segundo explica Magariños, “nin é o momento de acometer unha subida da contribución, por mor da crise económica que estamos a sufrir, nin mudaron as circunstancias que motivaron a aprobación da bonificación do IBI, e que foi a xeneraliza sobrevaloración catastral que afecta sobre todo ao casco urbano, segundo consta no informe encargado polo Concello en 2007.”

“Polo tanto,” engade Xosé Magariños, “ante esta subida da contribución, coido que é o momento de pararlle os pés ao PP, e un xeito de facelo é presentando unha alegación a esta ordenanza, cousa que tamén fará o BNG”.

Por outra parte Xosé Magariños quixo aproveitar a ocasión para referirse á oficina que abriu o concello no ORAL. Neste sentido o portavoz do BNG explicou que “no BNG pensamos que esta vía non servirá para nada en absoluto, porque xa foi unha vía que exploraramos en 2004 e era unha vía morta”, e engadiu “esta oficina só resolverá erros aritméticos puntuais, pero non resolverá a sobrevaloración que figura na ponencia de valores aprobada en 1997, xa que iso só se pode facer cunha revisión xeneralizada da ponencia, cousa que non ocorrerá até que haxa un novo PXOM, e, como todos sabemos, de momento non toca.”

“Neste sentido,” engadiu o portavoz municipal do BNG, “pídolle ao alcalde que convoque inmediatamente unha comisión de facenda ou unha xunta de portavoces para saber que criterios, cales son as funcións e que se lle está explicando á xente nesa oficina que abriu o concello no ORAL, porque moito nos tememos que isto é mero placebo que non paliará a verdadeira enfermidade da contribución da Estrada, que non é outra que a sobrevaloración xeneralizada dos inmóbeis.”

Ningún comentario: