O CONCELLO DE TORDOIA LEVA A PLENO A ACTUALIZACIÓN DE CINCO TAXAS MUNICIPAIS NO MARCO DO SEU PLAN DE AUSTERIDADE
As taxas a debate levaban sen actualizar desde hai máis dunha década e afectan maioritariamente a empresas de subministro
25 de outubro 2011.- O Concello de Tordoia celebra mañá o seu pleno ordinario de outubro co obxectivo de levar a trámite a actualización de varias taxas municipais, correspondentes a recollida de lixo, ocupación de subsolo, solo e vo en vía pública, así como polo emprego do pavillón polideportivo e de actividades deportivas e culturais. Estas modificacións das taxas, que permanecían sen actualizar desde hai máis dunha década, inscríbense no marco das medidas que boa parte dos concellos da comarca están levando adiante co obxectivo de garantir uns servizos de calidade aos seus veciños. “A caída no nivel de ingresos e subvencións fai preciso que o Concello de Tordoia acometa un rigoroso plan de austeridade no que se inxire tamén esta medida de actualización destas taxas, vixentes moitas delas desde 1999”, explicou o rexedor tordoiés quen aposta por maximizar os recursos para garantir os servizos que se lles están a ofrecer aos veciños antes que verse na obriga de facer recortes. “Cun esforzo conxunto poderemos superar esta situación de crise pola que pasamos”, explicou Antonio Pereiro.
Pereiro Liñares explicou tamén que as taxas que se actualizan fano de xeito moi moderado e afectan maioritariamente ás empresas subministradoras de servizos e non aos veciños. Así, as ordenanzas que se presentan para modificación son as de ocupación por subsolo, solo e vo en vía pública, que corresponden ás cantidades que abonan as empresas de enerxía eléctrica e telefonía móbil; a taxa de suministro de auga potable e servizos complementarios, abonada pola empresa concesionaria deste servizo, Aquagest, que terá que abonar un 3% máis, correspondente á suba do IPC, así como a que corresponde á regulación do prezo público polo uso do pavillón polideportivo, cuxo incremento quedará fixado mañá no pleno.
Recollida de lixo e actividades deportivas
En canto aos veciños, o pleno municipal debatirá para a súa aprobación a suba da taxa pola recollida de lixo e servizos complementarios, que quedará establecida arredor dos 6€ mensuais mentres que ata o de agora os veciños abonaban 38€ anuais neste concepto. Antonio Pereiro explicou que esta cantidade non alcanzaba nin para sufragar o 50% dos gastos vencellados á recollida de lixo. “A taxa mantíñase igual desde hai máis dunha década e durante estes anos o volume de lixo incrementouse de xeito constante, sen que variara o recibo, polo que é imprescindible equiparar o custe do servizo real co que abonan os veciños”, explicou o rexedor tordoiés.
O goberno local tamén ten previsto presentar a pleno para a súa aprobación unha nova ordenanza, para establecer unha taxa polo alugueiro dos locais sociais por parte de empresas e asociacións, aínda que as entidades sen ánimo de lucro poderán seguir empregándoos sen necesidade de abonar ningún importe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario