O BNG de Ames chama ao diálogo coas familias e a comunidade escolar para acadar un consenso polo futuro dos comedores escolares
Pilar Candocia: "Apelo a responsabilidade institucional do alcalde para que actúe con altura de miras, que fale coas nais e pais mirándoos aos ollos. Debe dialogar coas familias e a comunidade educativa para alcanzar a un acordo polo futuro duns servizos que son un orgullo para Ames”
(Ames 26.10.2011) O Pleno do Concello de Ames deste xoves 27 de outubro inclúe un punto no que o goberno Popular pretende subir as taxas dos comedores escolares, a pesar de que o BNG solicitou o aprazamento deste tema para poder abordalo co diálogo necesario. O PP introduce este asunto crucial para o benestar de moitas familias de Ames sen ter falado con ninguén e ocultándolle ás ANPA a información da subida.
O aumento desmesurado proposto polo Partido Popular supón unha suba xeneralizada para todas as taxas dos servizos educativos complementarios e para todos os usuarios. No caso de Bos días cole e Tardes divertidas a o incremento é do 50% en todos os casos. No caso dos comedores establecen unha horquilla de tarifas entre 80€ e 110€, e unhas bonificacións (por emerxencia social, familias numerosas...) semellantes ás que xa existía. Todos os usuarios pagarán máis, a taxa inferior pasaría de 70€ a 80 € (un 14%) para cada nena/o, e para a maioría das familias a subida sería superior ata alcanzar os 110€ (incremento do 57%). Paga máis quen máis ten e paga máis quen menos ten, pagan máis todas as familias e non se resolven os agravios e inxustizas co novo sistema.
O Partido Popular fai no goberno o contrario do que predica e que prometeu na oposición. No ano 2008 Santiago Amor opúxose de maneira frontal a unha subida proposta polo goberno anterior menor que a actual. O PP goberna de costas á cidadanía e ocúltalle ás familias a súa pretensión de subir ás taxas, o seu talante apreciase nos seus actos: nin transparencia, nin diálogo.
O BNG de Ames está mantendo reunións coa comunidade escolar, en especial coas ANPA e as familias afectadas, para informar da situación. Mantivemos unha reunión co conxunto das ANPA de Ames este luns 24, así como reunións abertas ás nais e pais e ao conxunto da cidadanía de Ames, onte martes 25 en Bertamiráns e hoxe mércores 26 no Milladoiro. Nestas xuntanzas puidemos comprobar o malestar das familias que manifestaban a súa indignación tanto pola desmesurada subida como polo feito de ter que coñecelo a través do BNG, e que o goberno non lles comunicase nada cando estivo falando coas ANPA nas últimas semanas.
A portavoz do BNG Pilar Candocia propón abordar o tema con serenidade e altura de miras, neste sentido indicou: “fago un chamamento á sensatez, Santiago Amor debería estar á altura das circunstancias e comportarse como alcalde dun goberno responsable. Non se pode adoptar unha decisión desta transcendencia contra todo o mundo, hai que falar coas ANPA e coas direccións dos Centros de ensino, e consensuar unha proposta de futuro para un servizo clave para moitas familias. Pídolle ao alcalde que escoite ás familias, que retire o punto deste Pleno e abra unha mesa de diálogo para buscar solucións conxuntas” “Moita xente está orgullosa de vivir en Ames pola calidade dos seus servizos públicos e polo proxecto de integración que os facía accesibles a todas as economías familiares. Os comedores, Bos días cole, Tardes divertidas ou os Programas lúdicos son servizos modélicos que custou moito conseguir. Son un referente pola súa calidade alimentaria, polo seu valor pedagóxico e como servizo de conciliación da vida laboral e familiar. Sería unha involución sen retorno, a volta a un pasado superado, non podemos dilapidar este capital que xa é patrimonio da cidadanía de Ames.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario