BNG Ordes – proposta de reducción dos membros das comisións informativas

O BNG PROPÓN REDUCIR O NÚMERO DE MEMBROS DAS COMISIÓNS INFORMATIVAS DA CORPORACIÓN MUNICIPAL

Esta proposta dos nacionalistas reduciría en 15.000 euros anuais os gastos en concepto de indemnizacións aos concelleiros

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que o seu grupo político proporá ao Pleno da Corporación Municipal de Ordes a redución do número de membros en cada unha das comisións informativas da Corporación Municipal. A proposta dos nacionalistas defende a presenza nas comisións informativas de só un concelleiro por cada Grupo Político, con voto ponderado en función da representación dos mesmos.

Castro salientou que esta proposta “pasaría de 9 a 4 o numero de concelleiros nas comisións, o que reducirá significativamente o gasto en indemnizacións a concelleiros por asistencia a comisións informativas, aforrando perto de 15.000 euros anuais ás arcas municipais”.

O portavoz nacionalista manifestou que “esta proposta non mermará a calidade democrática da Corporación Municipal, posto que as comisións son órganos meramente informativos dos asuntos do Pleno, sen o poder decisorio, por tanto, que ostenta o Pleno da Corporación, onde si están presentes todos os concelleiros”.

Finalmente, Gonzalo Castro lembrou que “este sistema de representación nas comisións informativas, cun concelleiro por grupo e voto ponderado está a utilizarse en moitos concellos galegos e incluso nalgunha cidade do noso País, polo aforro que supón para as arcas municipais”.

Ningún comentario: