O BNG CALIFICA DE MOI POSITIVO QUE O PLENO APROBASE A SÚA PROPOSTA PARA ABRIR UN TRÁMITE DE EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PXOM
- O PP retirou a súa proposta de creación dunha comisión política que só retrasaria a tramitación do PXOM
- Aprobada a moción dos nacionalistas para instar á Xunta a pagar as axudas agrogandeiras pendentes e mellorar a oficina agraria comarcal.
- UxO e PP rechazan a proposta do BNG para reducir o número de concelleiros das comisións e aforrar 15.000 euros anuais en dietas.
- Celebraranse dous debates na campaña das xerais emitidos por radio ordes.
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, amosou a súa satisfacción porque o Pleno da Corporación Municipal aprobase a proposta de abrir un trámite de exposición pública do PXOM durante 30 días naturais para que os veciños poidan presentar suxestións ao mesmo, antes de remitir o documento de aprobación inicial á Xunta de Galiza.
Na defensa desta iniciativa, Castro salientou que “desde o BNG nin compartimos a actitude dun goberno municipal que pretende evitar que os veciños participen e poidan presentar sugerencias ao PXOM, nin tampouco a do PP que propón a creación dunha comisión política coa intención de retrasar a tramitación do PXOM e a súa remisión á Xunta para que poida ser aprobado”.
Con respecto á comisión política proposta polo PP, Castro manifestou que “nestas alturas, non é a hora dos políticos é a hora de que os veciños participen e fagan suxestións ao PXOM”.
Finalmente, o PP retirou a súa proposta de creación dunha comisión política para o PXOM e aprobouse por unanimidade a proposta de abrir un trámite de exposición pública do PXOM por un prazo de 30 días naturais, para que os veciños poidan presentar suxestións antes de remitilo á Xunta de Galiza.
Demanda á Xunta do pago das axudas ao sector gandeiro
O Pleno aprobou con todos os votos da Corporación Municipal, excepto o do PP, a moción do BNG que propoñía instar á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galiza a realización inmediata de todas as xestións necesarias para facer efectivo o pago dos Plans de Mellora e das novas incorporacións nas explotacións agrogandeiras da comarca de Ordes.
Nesta proposta dos nacionalista aprobouse tamén esixir á Consellería do Medio Rural que adopte, coa máxima celeridade, as medidas necesarias para solucionar os problemas da falta de medios e persoal na Oficina Agraria Comarcal de Ordes.
A Concelleira do BNG, Montserrat Rei, amosou a súa satisfacción pola aprobación desta iniciativa do BNG xa que “son moitas as explotacións afectadas polo retraso, que xa pasa do medio ano, no pago das axudas aos Plans de mellora, que xa superan unha cantidade total de 1 millón de euros, o que están ocasionando un gran quebranto económico a un sector moi importante para an osa comarca”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario