O punto limpo de Silleda xa conta coa instalación de videovixiancia e placas solares para reforzar a iluminación
Silleda, 26 de outubro de 2011. As instalacións do punto limpo de Silleda, na parroquia de Margaride, mellorarán no ámbito da seguridade grazas ao Proxecto integral de axudas en materia de xestión de residuos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013. Na convocatoria realizada pola Consellería de Medio Ambiente, o Concello de Silleda logrou preto de 9.000 euros para dous actuacións en materia de seguridade e o financiamento da recollida de plásticos agrícolas.
Mañá xoves quedará xa instalado o equipamento financiado con cargo a esta axuda para o punto limpo, por importe de 3.775 euros para a mellora no sistema de iluminación na caseta de residuos perigosos e a instalación dun circuito de video vixiancia.
A video vixiancia responde as características de gravación dia/ noite, durante as 24 horas. O circuito conta con cámaras de alta sensibilidade e de visión nocturna a través de sistema de infrarroxos. Os campos de visión, son a zona de residuos perigosos (que polo tipo de materiais que alberga sería máis susceptible de sufrir roubos )e a oficina. Ademais, outra das cámaras ofrece unha gravación panorámica de todo o recinto.
A gravación consiste nun rexistro continuado de película con almacenamento de todo o que suceda durante 28 dias. Estos datos serán procesados pola Policia Local, encargada de realizar o correspondente control. As características técnicas desta instalación permitirían, nun futuro, a conexión directa co departamento da Policía Local, instalando no recinto unha rede de conexión a Internet.
No tocante á iluminación, da zona de residuos perigosos, esta farase con dous paneis fotovoltaicos de 80 watios cada un, con baterias acumuladoras de 106 amperios para encedidos automáticos. Así mesmo estarán activos os proxectores de zona.
Con esta iniciativa, o departamento de Medio Ambiente, que dirixe o concelleiro Antonio Couso, agarda mellorar a xestión do punto limpo, un servizo gratuito para os cidadáns, que está aberto de luns a sábado en horario de 09.30 a 13.30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario