As xuntas parroquiais non representan aos partidos, representan aos veciños e veciñas
Os pedáneos si representan a un alcalde e a un partido político, neste caso o Partido Popular, e iso é algo que todo o mundo ten moi claro
A Estrada, 28 de outubro de 2011: O alcalde da Estrada, o popular José López Campos, fixo onte unhas declaracións ao medios onde poñía en cuestión as xuntas parroquiais, o Consello Económico e Social, e mesmo o Regulamento de Participación Cidadá, aprobado no pasado mandato a proposta do BNG.
A este respecto o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños declarou que “as xuntas parroquiais non se crearon máis que para representar aos veciños e veciñas do rural estradense, e para que tiveran voz en todas aquelas cousas que lles afectan no día a día”, e engadiu, “que é falso que as xuntas parroquiais representen a un partido determinado, representan aos veciños”, reiterou o concelleiro nacionalista.
“Pola contra,” explicou o portavoz do BNG, “os pedáneos si representan a un alcalde e a un partido político, neste caso o Partido Popular, e iso é algo que todo o mundo ten moi claro”.
Por outra parte, engadiu que “o nomeamento de alcaldes de barrio será moi legal, pero é sintomático da interpretación que o alcalde ten da democracia, que para el só significa ir a votar cada catro anos, no canto de escoitar as demandas e opinións dos veciños durante o tempo que dura o mandato, non só a través das Xuntas Parroquiais senón tamén do Consello Económico e Social”.
O alcalde nas súas declaracións tamén puxo en cuestión a permanencia do regulamento de de participación cidadá, aprobado polo BNG no último mandato, a este respecto Xosé Magariños explicou que “como Feijóo no seu día, López sacou a maquinaria de demolición para tirar abaixo todo aquelo que teñan algo que ver co BNG, e foron medidas positivas para o conxunto dos veciños e veciñas da Estrada.” “Hai uns días,” engadiu o portavoz do BNG, “o Partido Popular eliminaba as bonificacións do IBI, co que pagaremos un 60% máis no recibo da contribución, e agora pon o seu punto de mira no Regulamento de Participación Cidadá.”
“Está no seu dereito lexítimo de facelo”, rematou dicindo o portavoz do BNG, “ten a maioría absoluta grazas aos votos dos estradenses, pero así como llos deron, tamén llos poden quitar, e de momento non fixo nada para recibir semellante premio.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario