O BNG SOLICITA PLENOS EXTRAORDINARIOS NOS CONCELLOS DA COMARCA DE ORDES PARA ESIXIR Á XUNTA SOLUCIÓNS Á FALTA DE MEDIOS DA OFICINA AGRARIA
Esta situación está a provocar un gran retraso no pago das axudas para os plans de mellora e as novas incorporacións agrarias, que xa ascenden a 1 millón de euros
Os portavoces e responsábeis do BNG nos concellos da comarca de Ordes anunciaron a presentación de mocións e solicitudes de Plenos Extraordinarios en todos os Concellos da comarca de Ordes para esixir á Xunta de Galiza a solución dos problemas derivados da falta de medios da Oficina Agraria Comarcal, particularmente a realización de forma inmediata das xestións necesarias para o pago das axudas aos Plans de Mellora e ás novas incorporacións nas explotacións agrogandeiras, que se atopan pendentes de pago desde hai máis de medio ano.
Estas iniciativas foron presentadas por Rocío da Igrexa, Xosé María Pérez, Gonzalo Castro, Xosé Manuel Raposo e Xosé Manuel Pérez, portavoces municipais do BNG en Cerceda, Frades, Ordes, Mesía e Oroso e por Natalia Cancela e Xabier Villar, responsábeis locais do BNG en Tordoia e Trazo.
Os representantes do BNG nestes Concellos salientaron que desde hai máis dun ano na comarca de Ordes estanse a producir retrasos desproporcionados na tramitación e pago das subvencións aos Plans de Mellora e nas axudas ás novas incorporacións que están a agravar a situación das explotacións agrogandeiras mermando a viabilidade e o futuro dun sector económico estratéxico para a comarca de Ordes.
Na actualidade, segundo os datos aportados polo BNG, existen aproximadamente 40 explotacións na comarca de Ordes que levan agardando máis de medio ano polo pago das axudas aos Plans de Mellora e a novas incorporacións, número que se está incrementando de forma exponencial co paso do tempo.
Para ao BNG as cifras falan por sí soas do quebranto económico que se está a ocasionar a un sector moi importante na economía da comarca de Ordes, xa que estas 40 explotacións realizaron case 2,1 millóns de euros de investimento en Plans de Mellora e están a agardar desde hai moitos meses polo cobro de 1 millón de euros en axudas para esas, co risco de que chegados a estas alturas do ano, estes expedientes non queden pechados no presente exercicio económico causando un grave perxuizo económico ás explotacións agrogandeiras.
Os representantes nacionalistas na comarca de Ordes amosaronse moi críticos coa falta de apoio ao sector agrogandeiro por parte do goberno do PP na Xunta de Galiza, o que demostra que o único obxectivo do PP é o desmantelamento definitivo dun sector económico de grande importancia para Galiza.
Mocións e Plenos Extraordinarios
Nos Concellos da comarca onde a celebración de Plenos Ordinarios sexa inminente, o BNG presentará unha moción para incluir na orde do día e esixir á Xunta de Galiza a solución inmediata deste problema, por outra banda, nos Concellos onde a celebración de Plenos Ordinarios non sexa inminente, o BNG presentará coa moción unha solicitude de celebración de Pleno Extraordinario co obxectivo de que poida producirse este acordo Plenario coa máxima celeridade e esixir á Xunta de Galiza que solucione este problema no presente exercicio económico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario