Mancomunidade de Ordes – cinensino tamñen de 8 a 11 anos

A MANCOMUNIDADE DE ORDES AMPLÍA O PROGRAMA DE EDUCACIÓN EN VALORES “CINENSINO” AOS NENOS E NENAS DE ENTRE 8 E 11 ANOS NA COMARCA

O programa busca implantar actitudes e condutas positivas que servan como barreira de protección fronte a procesos aditivos como o alcol ou as drogas

24 de outubro de 2011.- A Mancomunidade de Municipios de Ordes vai ampliar o seu exitoso programa de educación en valores “Cinensino” aos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria que estudan nalgún dos sete municipios da comarca ordense (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Deste xeito, o programa incluirá a nenos e nenas de entre 8 e 11 anos, que se sumarán aos 313 rapaces e rapazas de entre 12 e 14 anos que participaron nel durante o pasado curso escolar.

A técnica de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade, Mónica González López, explica que a decisión de levar este programa a nenos de 8 e 11 anos é porque “este é o periodo crítico na formación de crenzas e actitudes no rapaz, unha etapa na que aumenta a curiosidade e o risco para o inicio de condutas esporádicas de abuso que poden establecer pautas de comportamento que xeren trastornos aditivos no futuro”.

Por iso, “Cinensino” proporcionará a estes cativos principios, orientacións e ferramentas para o seu desenvolvemento integral como persoas, implementando actividades que permitan o desenvolvemento de habilidades sociais que permitan un cambio progresivo nos valores, actitudes e comportamentos do alumno. Uns cambios que actuarán como factores de protección fronte a futuros procesos aditivos como o alcol ou as drogas.

O cinema como método de ensino

Para conseguir estes obxectivos, o Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes empregará tres unidades didácticas, unha por cada trimestre escolar. “Cada unidade didáctica baséase e articúlase en función dunha película”, explica Mónica González, “pois partimos das experiencias narradas no filme, de xeito que o cinema convértese nunha ferramenta pedagóxica e no eixo dinamizador dos contidos do programa”. Outro cambio do programa é que os filmes proxectaranse nas propias aulas, en vez de facelo na casa da cultura ordense, de xeito que a interacción entre os alumnos e os profesores será moito maior.

Para este curso 2011-2012, “Cinensino” escolleu tres filmes. O primeiro é unha película de animación, “Enredados”, que actualiza o conto de Rapunzel e é escollido como exemplo de cómo acadar as metas co propio esforzo. A película xuvenil “Grupo tigre” foi escollida como exemplo do traballo en grupo fronta a calquera adversidade; mentres que a comedia “Los pingüinos del Sr. Poper” levará o debate en torno ao valor da amizada e da familia.

Alumnos de ESO

No caso dos alumnos do primeiro ciclo da ESO, é dicir, entre 12 e 14 anos, o programa “Cinensino” centrarase máis na prevención do consumo de alcohol e outros trastornos aditivos. “Pensamos que a nosa estratexia de prevención será máis efectiva se incidimos no problema antes de que se produza, axudando aos alumnos a consolidar actitudes incompatibles con condutas aditivas como o alcohol, as drogas e outro tipo de condutas”, sinala Mónica González.

Neste caso, o programa empregará tres películas diferentes. A primeira será “En un mundo mejor”, un filme danés que servirá como base para debatir sobre a racionalización do uso das tecnoloxías da información e da comunicación, previndo as adiccións a redes sociais e condutas relacionadas. No caso de “Diario de Greg 2: la ley de Rodrick”, o obxectivo será reducir a intensidade no consumo de alcohol en menores, fomentando unha actitude crítica fronte á publicidade. Finalmente, a exitosa “Super 8” servirá como reforzo para retrasar o inicio de conductas aditivas no colexio. Ademais, permitirá analizar o risco da busca de novas sensacións a través dunha actitude que minimiza a percepción dos riscos reais.

O programa “Cinensino 2011-2012” está incluído no Plan Nacional contra a Drogadicción. Organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, conta coa financiación da Consellería de Sanidade.

Ningún comentario: