O BNG ACUSA A REGOS DE OCULTAR A TRAMITACIÓN DO PXOM AOS VECIÑOS DE ORDES
Gonzalo Castro afirma que o alcalde impediu que os veciños presentasen suxerencias ao avance do PXOM
O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou ao alcalde, Manuel Regos, de “ocultar a tramitación do PXOM aos veciños”.
Gonzalo Castro salientou que “despois de retrasar deliberadamente a tramitación do PXOM de Ordes durante catro anos, de súpeto ao alcalde entralle a presa e prescinde da posibilidade que lle da a Lei de elaborar un avance do PXOM e dar audiencia aos veciños para recoller as súas suxerencias”
Esta atitude do alcalde, para o portavoz nacionalista, “vai mermar a participación da veciñanza nun instrumento moi importante para o desenvolvemento non só urbanístico, senon incluso socioeconómico do concello de Ordes, xa que só poderán presentar alegacións ao documento completo de aprobación inicial do PXOM despois de que sexa aprobado polo Pleno, e despois dos correspondentes informes da Xunta de Galiza, privándolles da posibilidade de participar activamente na elaboración dun instrumento fundamental para o futuro de Ordes”.
Segundo Castro, “este afán do alcalde por esconder aos veciños a elaboración do PXOM ven a reafirmar as sospeitas do BNG de que detrás da lentitude na tramitación do PXOM e do obscurantismo que rodea á mesma, existen intereses inconfesábeis que abocarían a Ordes a seguir padecendo un desenvolvemento urbanístico caótico e pouco sostíbel.”
O portavoz municipal do BNG anunciou que “o BNG informará aos veciños do contido do PXOM e defenderá a aprobación dun PXOM que permita un desenvolvemento urbanístico equilibrado, que fomente a creación de vivenda protexida e que prime a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ordes. “
Ningún comentario:
Publicar un comentario