Ames – aparcamentos Milladoiro

O goberno de Santiago Amor dotou de 240 prazas de aparcamento ao Milladoiro

Ames, 26 de outubro de 2011. A localidade amiense de Milladoiro ten dende hai semanas 154 prazas de aparcamento ao carón do centro de saúde na esquina da rúa Cruxa con Agro do Medio. A falla de aparcamento é un problema que sinalan moitos veciños e veciñas de Milladoiro, por iso dentro do proxecto “Potenciación do eixo comercial do Milladoiro coa adecuación do espazo urbano” o goberno local decidiu dotar á localidade de 154 prazas de aparcamento máis, 4 delas para persoas con mobilidade reducida. Ese proxecto tamén inclúe a colocación de tres luminarias de baixo consumo conectadas á rede eléctrica xa existente.

Este proxecto foi levado a cabo cunha subvención da Xunta de Galicia conseguida a través da concellería de Comercio, Promoción económica, Traballo e Turismo, para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia. A subvención foi de 28.087,20 euros, e o Concello puxo 9.768,06 euros para levar a cabo a obra, xa que o importe de adxudicación foi de 37.855,26 euros, algo menor do previsto.

Con este aparcamento tamén se cumpre o compromiso adquirido pola concellería de Comercio de ter algunha praza máis en Milladoiro antes de que comezase a funcionar o mercado de rúa.

Solución provisional ante a inoperancia do anterior goberno socialista

O Concello tamén está a condicionar provisionalmente unha parcela de terra na zona da esquina da Rúa Agro do Medio con Cereixos na que poden aparcar aproximadamente 90 vehículos, polo tanto, son arredor de 240 prazas de aparcamento as que se habilitaron no Milladoiro e que suporán un respiro para a localidade ante a escaseza desta infraestrutura. O goberno de Santiago Amor é consciente dos graves problemas que existen para aparcar nesta localidade amiense e por iso está facendo un esforzo en dotar ao Milladoiro de prazas para aparcar e está escoitando deste xeito unha antiga demanda de comerciantes e sendo consciente da necesidade dos veciños e veciñas.

O concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, explicou que o aparcamento de terra “é unha solución provisional, que critican os socialistas sen pensar que eles nin sequera eran capaces de dar solucións provisionais ou a curto prazo” Taboada asegura ademais que “o acondicionamento deste aparcamento non puido ser rematado pola invasión masiva de coches (proba do seu éxito) e pola chegada do mal tempo, que impediu que se rematara a recollida de augas pluviais”.

Durante oito anos os socialistas non foron quen de crear prazas de aparcamento céntricas no Milladoiro senón que fixeron desaparecer arredor de 200 prazas de aparcamento en superficie sen buscar unha alternativa. Dende o equipo de Santiago Amor estanse estudando máis espazos para solventar a falla de prazas que existiu sempre, así coma obras de urbanización de rúas que levan denunciando comerciantes e asociacións de empresarios e que empurraron a moitas persoas a non facer as súas compras no Milladoiro coa conseguinte perda de clientes para o comercio da vila.

As novas prazas de aparcamento están situadas preto do centro da localidade, a escasos metros da rúa Anxeriz, do Centro Médico, e da praza Manuel Murguía que acollerá o novo mercado de rúa.

Ningún comentario: