Santiago – cortes de tráfico pola carreira popular

MODIFICACIÓNS NO TRÁFICO CON MOTIVO DA XXXIV CARREIRA PEDESTRE POPULAR

A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago de Compostela informa aos condutores e ao público en xeral que, por mor da celebración da XXXIV Carreira Pedestre Popular organizada por “El Correo Gallego” o vindeiro domingo 30 de outubro, se producirán modificacións temporais no tráfico da cidade durante o transcurso deste certame deportivo.

A saída da carreira de adultos está prevista ás 10:00 horas da Avenida Xoán XXIII e a de nenos, ás 11.30 h desde o mesmo punto. A competición rematará na Praza do Obradoiro.

Prégase aos cidadáns que se absteñan na medida do posible de utilizar os seus vehículos na mañá do domingo, especialmente entre as 9:00 e as 14:00 horas, co obxecto de facilitar o desenvolvemento desta proba deportiva.

Como norma xeral, en todas as rúas do itinerario da Carreira Pedestre produciranse restricións no tráfico, que se levantarán unha vez que pasen os últimos participantes.

ITINERARIO DA CARREIRA PEDESTRE (ADULTOS):

Xoán XXIII, Praza da Paz, San Caetano, Camiño Francés, Rúa das Fontiñas, Concheiros, Rúa de San Pedro, Porta do Camiño, Virxe da Cerca, Fonte de Santo Antonio, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Ponte Castro, Rúa da Rosa, Santiago de Chile, Praza de Vigo, Rosalía de Castro, Avenida da Coruña, Avenida das Ciencias, Avenida do Doutor Novoa Santos, Avenida das Burgas, Avenida de Compostela, Cruceiro do Galo, Pombal, Galeras, Salvadas, Vista Alegre, Avenida de Castelao, Praza da Paz, Pastoriza, Basquiños, San Roque, Algalia de Arriba, Praza de Cervantes, Preguntoiro, Rúa do Castro, Praza da Universidade, Praza de Mazarelos, Rúa do Cardenal Payá, Orfas, Toural, Rúa do Vilar, Praza das Praterías, Fonseca, Praza do Obradoiro.

A carreira de nenos, que discurrirá por parte do percorrido anterior, tamén pasará polas rúas da Senra, Campo da Estrela, avenida de Figueroa, Pombal e Cruceiro do Galo.

Consellos para o tráfico de vehículos

Manterase aberto un circuíto de circulación para facilitar a fluidez do tráfico, con valos de seguridade que permitan a circulación dos vehículos do seguinte xeito:

- Queda prohibido o estacionamento de vehículos na Avenida de Xoán XXIII dende as 22:00 horas do sábado, 29 de outubro, ata as 14:00 horas do domingo 30 de outubro, e na rúa Basquiños, no tramo comprendido entre a confluencia desta rúa coa rúa Espírito Santo e coa praza da Paz.

- Os vehículos que accedan á cidade polo norte poderán circular en sentido descendente pola Avenida de Castelao, enlazando con Salvadas e Galeras e saíndo por Poza de Bar, San Lourenzo e Avenida Mestra Victoria Míguez (Vidán, estrada AC-543 a Noia) ou por Vista Alegre xirando cara ao Romaño.

- Os vehículos que accedan á cidade a través da estrada de Santa Comba circularán obrigatoriamente a través de Salvadas e Galeras no mesmo sentido de dirección que os anteriores cara á estrada de Noia.

- Os vehículos que desexen entrar ou saír da zona das rúas Hórreo, Gómez Ulla ou área de influencia destas, poderán circular polas rúas Bernardo Barreiro, Sar e Ramón Piñeiro, enlazando coa avenida de Lugo.

- O tráfico procedente das estradas de Noia (AC-543), Ourense (N-525) e Pontevedra (N-550) en sentido de dirección ao norte da cidade deberá utilizar obrigatoriamente a autoestrada A-9 ou o periférico.

- Deberá utilizar tamén a autoestrada A-9 ou o periférico o tráfico procedente das estradas da Coruña (N-550) e Lugo (N-634 e C-547) que se dirixa ao sur da cidade.

- Quedará dividida con valos a calzada no tramo que transcorre desde o cruce do Cruceiro do Galo polas rúas Galeras, Salvadas, Vista Alegre e Avenida de Castelao; tamén se dividirán as rúas Pastoriza, Basquiños, Santa Clara e San Roque, para facilitar o tráfico en sentido ascendente; así como o tramo de Rosalía de Castro entre a Praza de Vigo e a avenida da Coruña, e esta última entre Rosalía de Castro e Feáns, de forma que quedará habilitado para a carreira o carril de subida e o de baixada para permitir o acceso e saída dos aparcamentos da zona.

A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá do Concello prega aos cidadáns desculpen as molestias causadas pola celebración deste acontecemento deportivo e acaten as indicacións dos axentes da Policía Local.

Ningún comentario: