Brión – pleno extraordinario sobre o caso das obras da Torre

XOSÉ LUÍS GARCÍA: “O CONCELLO DE BRIÓN AXUSTOUSE ESTRICTAMENTE Á LEGALIDADE, ACTUANDO EN TEMPO

E FORMA NO CASO DAS OBRAS DA TORRE”

Os edís do grupo de Goberno renunciaron á retribución deste pleno extraordinario solicitado polo PP, que se queixou de que non se respondeu a todas as súas preguntas na sesión

29 de febreiro de 2012.- O Concello de Brión celebrou esta mañá un pleno extraordinario no que se debatiu sobre as obras realizadas por un particular na localidade de A Torre, que foron denunciadas por uns veciños da zona. Unha sesión celebrada a petición do grupo municipal do Partido Popular e na que nin se propuxo nin se tomou ningún tipo de decisión, senón que se limitou a un debate entre os concelleiros dos distintos grupos políticos municipais.

Por esta razón, e antes de iniciarse o turno de intervencións, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, confirmou que os concelleiros do grupo de Goberno non cobrarían os 90 euros que lles corresponden por asistencia ao pleno, ao considerar que “sería un engano aos veciños e veciñas de Brión e un despilfarro de fondos pois levamos máis de seis meses informando puntualmente ao pleno sobre este tema”.

Axuste estricto á legalidade

O voceiro do PP, Carlos Tomé, fixo un relatorio das distintas actuacións e denuncias sobre este caso e queixouse do retraso na actuación dos técnicos municipais, que se personaron en setembro de 2010 na casa do denunciado cando a denuncia data do 14 de xullo de 2010. Un punto no que tamén incidiu o concelleiro do BNG, Xesús Pena, quen criticou que non se fixera un maior seguemento a unhas obras que xeraron un enfrontamento entre veciños.

Xosé Luís García insistiu en que “o Concello de Brión axustouse estrictamente á legalidade. Dicir o contrario sí que é grave, pois actuamos en tempo e forma”. Despois de lembrar que “estamos a facer un pleno para falar dun galiñeiro, non dunhas grandes obras”, o alcalde brionés explicou que “a Lei marca un prazo de un ano para a reposición da legalidade urbanística. Por algo será. E nós en Brión fixémolo en dous meses, o cal demostra que fomos dilixentes”.

Neste sentido, compre lembrar que a Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia establece no seu artigo 209 a figura administrativa da “reposición da legalidade urbanística” e especifica no seu cuarto punto que este “deberá resolverse en el plazo de un año a contar desde la fecha del acuerdo de iniciación”.

Cronoloxía do caso

Xosé Luís García realizou unha pormenorizada relación da actuación do Concello de Brión nas distintas denuncias recibidas ao longo destes dous últimos anos:

- 14-7-2010. e 9-8-2010. Dous veciños do lugar de A Torre denuncian a un terceiro veciño por unhas obras realizadas nun muro e nun alpendre da propiedade deste último.

- 5-10-2010. Tal e como indica a Lei 9/2002, o Concello abre un correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística.

- 15.-11-2010. O denunciado acredita a antigüidade do muro cun informe técnico presentado. Neste sentido, Xosé Luís García explicou que “no pleno de setembro de 2011 xa expliquei a preguntas do PP que un informe técnico é un medio probatorio e válido en Dereito, algo que acepta a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e todas as administracións”. Deste xeito, o muro queda en situación legal de fora de ordenación.

- Decembro de 2010. A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta autoriza as obras no alpendre.

- 18-1-2011. O Concello legaliza as obras do alpendre e pecha o expediente. Un expediente resolto en tan só seis meses.

- 2-5-2011. Os dous mesmos veciños volven a presentar a mesma denuncia contra o terceiro veciño e engaden a realización dunha caseta. Denuncia que reiteran o 11-5-2011.

- 5-7-2011. O Concello abre expediente de reposición da legalidade urbanística. O arquitecto municipal comproba que a edificación non conta con licenza de obras. O 30-8-2011 desestímanse as alegacións do denunciado e resólvese o expediente coa correspondente orde de demolición.

- 14-10-2011. O denunciado solicita licencia de demolición. O 20-10-2011 ordénaselle a paralización das obras de demolición, ao non contar coa pertinente licencia. Unha vez recibidos o informe favorable do técnico municipal e a autorización de Patrimonio, o 29-11-2011 se dá licencia de derrubo.

- 21-12-2011. Dase por rematado o expediente co derrubo da caseta

Novas obras

Por último, Xosé Luís García explicou a actuación do Concello de Brión durante estas últimas dúas semanas, a raíz dunha nova denuncia presentada o 21-2-2012 por un movemento de terras e obras no entorno dun hórreo deste veciño. O técnico municipal personouse no lugar o 23-2-2012 e concluíu que parte das obras denunciadas (como unha gavia e unha billa instaladas, non requiren de licenza municipal) e observa unha ampliación dunha cuberta que sí podería precisar de licenza. O 24-2-2012 iníciase o correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística. Ademais, o alcalde brionés apuntou que, neste caso, parte das actuacións teñen lugar fóra da zona de afección de Patrimonio.

A sesión rematou coa queixa do PP, que pediu que constase en acta que non foran respostadas todas as preguntas que realizou durante a súa primeira intervención.

Ningún comentario: