COMEZA A CONTA ATRÁS PARA OS XVI PREMIOS DE TEATRO MARÍA CASARES
261 profesionais, de 28 compañías e 30 espectáculos distintos aspiran a estes galardóns da Asociación de Actores e Actrices de Galicia
Este xoves 1 de marzo coñecerase o nome dos finalistas destes galardóns, que se entregarán o vindeiro 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
27 de febreiro de 2012.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) prepara, un ano máis, Premios de Teatro María Casares, que acadan a súa XVI edición.
Un total de 261 profesionais, de 28 compañías e 30 espectáculos distintos, son candidatos nestes galardóns.
Este xoves 1 de marzo terá lugar a Festa dos Nomeados, na que coñeceranse os finalistas nas distintas categorías. A cita será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames), ás 20:00 horas.
Son 13 as categorías que descubrirán entón aos seus finalistas: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación- tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.
A eles cómpre sumar o Premio de Honor María Soto, que recoñece a traxectoria ou unha especial labor na promoción do teatro.
A gala de entrega dos XVI Premios María Casares tamén ten data: será o 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Os Premios María Casares recoñecen o traballo dos profesionais e das distintas producións realizadas en lingua galega; neste caso as estreas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do pasado 2011.
Os XVI Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, de AGADIC, Concello da Coruña, Fundación AISGE, Concello de Ames e TVG.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Premios de Teatro María Casares
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa hoxe en día a 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia, cuxa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.
Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 co fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega, enchendo o oco baleiro ata o momento existente neste eido.
Os galardóns constan de trece categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do telón, ademais do Premio de Honra “Marisa Soto” que recoñece a traxectoria profesional outorgado pola a Xunta Directiva da AAAG.
Aspiran aos Premios María Casares de Teatro todas as producións teatrais realizadas en lingua galega que foran estreadas en Galicia entre o 01 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesión, así como todos os profesionais que participaron nas citadas montaxes, durante ese período de tempo.
O portal da asociación é www.aaag.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario