O CONCELLO DE OROSO APROBA OS ORZAMENTOS DE 2012, QUE INCLÚEN UN PLAN DE INVESTIMENTOS DE 615.000 EUROS FINANCIADO CON FONDOS PROPIOS
Manuel Mirás comprometeuse a implantar un Plan de Emprego Xuvenil e outro para Maiores de 55 anos nun vindeiro exercicio
2 de marzo de 2012.- O pleno municipal do Concello de Oroso aprobou esta mañá os orzamentos municipais para 2012, que ascenden a un total de 14.818.436 euros e supoñen un incremento do 1,45% con respecto a 2011. Uns orzamentos que foron aprobados cos 8 votos a favor do PSOE e do BNG e cos 5 votos en contra de PP e Partido Galeguista.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que “son uns orzamentos moi equilibrados, quizais os segundos mellores na historia deste concello” e que foron posibles grazas ao éxito acadado co Plan de Reequilibrio Financeiro aprobado en 2008, que permitiu acadar ese equilibro xa no ano 2011. De feito, Mirás Franqueira fixo tamén unha defensa destas contas sen incluir os 9,1 millóns de euros correspondentes á ordenación e urbanización da área de reparto 10, onde se ubicará o polígono empresarial San Martiño II.
Orzamentos “sen polígono”
“Se lle quitamos a partida destinada ao polígono San Martiño II segue sendo un orzamento de case seis millóns de euros e cunha partida de investimentos superior aos 1,4 millóns de euros. Isto é un gran éxito nestes tempos de crise económica que estamos a vivir”, explicou Manuel Mirás, quen destacou tamén que “moitas desas inversións as imos acometer grazas a un Plan de Investimentos de 615.000 euros financiado con fondos propios do Concello de Oroso”.
Unha partida orzamentaria onde destacan os 410.000 euros destinados á construción da nova escola infantil municipal e os máis de 432.000 euros que se investirán en obras de mellora do abastecemento de auga no municipio (como os 323.000 euros para o abastecemento de auga nos núcleos rurais de Vilacide de Abaixo e Berdomás; os 56.000 euros para o abastecemento de auga na estrada AC-460 e os 53.000 euros para a instalación dunha rede de bombeo e saneamento no lugar do Empalme, parroquia de Trasmonte).
Ademais, estes orzamentos tamén contemplan 61.000 euros para rematar o centro social de Cardama; 59.000 euros para a xestión e reducción do gasto enerxético na iluminación pública; 35.000 euros para a mellora da rede viaria de Marzoa ou os case 100.000 euros para a execución da rede eléctrica, preinstalación de alumeado público e zonas peonís no vial que une os núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro coa N-550 (segunda fase).
Disfrute dos cidadáns
Diante das críticas do Partido Galeguista ao feito de que os orzamentos inclúan un recoñecemento extraxudicial de crédito de 86.001,72 euros, Manuel Mirás asegurou que “hai moi poucos orzamentos sen recoñecemento extraxudicial de crédito porque, precisamente, os orzamentos son un presuposto e durante o ano prodúcense moitas cousas e o bo é que esas obras se fagan e a xente disfrute delas”. Mirás Franqueira asegurou que “poñer pegas a que se fagan cousas para que as disfruten os veciños é un grave erro. Podería criticalo se o gastasemos en festas e xantares, pero foi en investimentos para disfrute dos cidadáns”. De feito, os orzamentos de 2012 contan co informe favorable de Intervención.
Plan de emprego xuvenil
Durante a súa intervención, o alcalde orosán anunciou que tomará en consideración unha proposta do grupo municipal do BNG para a creación dun Plan de Emprego Xuvenil. “Gustaríanos dispoñer dun Plan de Emprego Xuvenil e outro para maiores de 55 anos. Non é posible este ano pero adquirimos o compromiso de que, se a situación económica municipal mellora, tomaremos en consideración esta proposta do BNG”, explicou Mirás Franqueira. Un apoio que foi celebrado polo edil nacionalista.
Manuel Mirás exemplificou a sustentabilidade económica do Concello de Oroso no feito de que os ingresos correntes son superiores aos gastos correntes en 577.710 euros, é dicir, nun 16,675%. O gasto corrente do Concello de Oroso para 2012 ascende a 3,46 milllóns de euros, fronte aos 4,04 millóns de euros correspondentes aos ingresos correntes. Ademais, Mirás Franqueira tamén explicou que “fixemos tamén unha aproximación coa liquidación da conta de 2011 e temos unha diferencia favorable de 437.380 euros”.
Felicitacións dos sindicatos
No capítulo de gastos, as retribucións ao persoal ascenden a 1,27 millóns de euros, o que supón o 9% do total dos orzamentos. “Noutros sitios despiden persoal, nós temos a felicitación dos sindicatos, aos que o martes pasado lles presentamos estes orzamentos”, explicou Mirás Franqueira. O capítulo de gasto corrente mantense nunhas cifras similares a 2010: 1,7 millóns de euros; mentras que os gastos financeiros redúcense ata os 59.048 euros. Deste xeito, o gasto corrente ascende a 3,4 millóns de euros, apenas 100.000 euros máis ca no ano pasado.
No capítulo de ingresos, os orzamentos de 2012 contemplan 10,2 millóns de euros procedentes de taxas e outros ingresos, así como 1,5 millóns de transferencias correntes. As contas contemplan tamén amortizar ao longo de 2012 un total de 248.356 euros da débeda pendente con entidades de crédito, cifrada en 1,6 millóns de euros a 31 de decembro de 2011.
Unanimidade no resto da sesión
Os outros seis puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Así, aprobouse a Ordenanza Municipal de Administración Electrónica, que suporá a creación da sede electrónica do Concello de Oroso e a delegación da súa xestión e administración na Deputación Provincial da Coruña. Unha ordenanza que supón que o Concello de Oroso dá un paso máis aló na súa relación coa cidadanía a través de medios telemáticos. Así, crearase a sede electrónica municipal (https//sede.concellooroso.es) que estará dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuita e permanente. Esta sede disporá dos seguintes servizos a disposición dos cidadáns:
- presentación telemática de solicitudes
- enlace para a formulación de suxerencias e queixas ante o órgano competente
- acceso, no seu caso, á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático
- no seu caso, publicación electrónica de acto e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, indicando o carácter substitutivo ou complementario da publicación electrónica
- verificación dos selos electrónicos que se usen na sé
- comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos e que foran autenticados mediante código seguro de verificación.
O pleno tamén delegou a xestión e administración desta sede electrónica na Deputación da Coruña, para o cal o Concello de Oroso se adherirá ao convenio marco de colaboración da entidade provincial. Finalmente, o pleno aprobou o regulamento de uso da escola infantil municipal, para adaptar os prazos de solicitude de praza; e o Regulamento de uso da carpa municipal, que poderá ser utilizada non só nas actividades que organice o Concello de Oroso, senón tamén para que todas as parroquias do concello disfruten da mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario