A Banda Municipal de Música celebra este domingo o Día da Muller Traballadora cun concerto especial
- Terá como solista convidada á clarinetista Amelia Ónega Otero
- Será a partir das 12.00h no Teatro Principal con entrada de balde
Santiago de Compostela, 02/03/2012.- Un ano máis, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela súmase á celebración do día da Muller Traballadora. Faino cun concerto especial no que a solista convidada será a clarinetista Amelia Ónega Otero. Será este domingo, 4 de marzo, a partir das 12.00h no Teatro Principal con entrada de balde. Este concerto, ademais de estar adicado ao día da Muller Traballadora, está incluído dentro do exitoso ciclo de Xóvenes Intérpretes Galegos.
Con esta iniciativa preténdese destacar o importante papel que tamén teñen as mulleres dentro do mundo musical, tanto como intérpretes, coma como compositoras ou directoras. A inclusión da muller, coma profesional, no mundo da música foi moi complicada ao longo da historia, pero afortunadamente estas barreiras están bastante superadas e a presencia feminina está normalizada.
Amelia Ónega Otero, nada en Santiago de Compostela en 1996, comezou os seus estudos musicais aos 5 anos e na actualidade con 15 anos cursa 6º de grao profesional no Conservatorio Profesional de Santiago tutorada por Saúl Canosa. Recibiu clases de Vicente Alberola , Radovan Cavallin, Saúl Canosa, Marina Abuin, Asterio Leiva, Beatriz López, José Manuel Puyana, Esteban Valverde e asistiu a cursos impartidos por Justo Sanz, Dominique Vidal, Enrique Pérez Piquer, Yehuda Gilad, Josep Fuster, Luis Gomes, Carlos Gil, Victor Lucerón y Hedwin Swimberghe, entre outros. Participou en numerosos encontros e certames musicais nos que foi distinguida con numerosos galardóns.
Programa do concerto
I Parte
Amparito Riveira (pd) de S. Cruceiro
A Bela Galatheta (abertura) de F. von Suppé
Concerto para clarinete núm. 1 en Fa m de C. M. von Weber/X. Carlos Seráns
Clarinete solista: Amelia Ónega Otero
II Parte
Poem du Feu de I. Gotkovsky
A Viuda Alegre de F. Lehar
Ningún comentario:
Publicar un comentario