O DEPARTAMENTO DE BENESTAR PON EN MARCHA A CAMPAÑA DE INFORMACIÓN SOBRE O ACCESO ÁS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS
· Dende hoxe xa se poden recoller os impresos de solicitude nas escolas, no Concello ou descargar da web municipal
· As solicitudes para a reserva de praza entregaranse entre o 1 e o 15 de marzo e as solicitudes de novo acceso entre os días 16 e 31 de marzo
27 de febreiro de 2012. A concellaría de Benestar Social, dirixida por Ignacio Iglesias comezou xa a informar do prazo de acceso ás escolas infantís municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. Durante o mes de marzo ábrense os prazos para solicitar praza nos centros tanto para os nenos/as que xa asisten á escola como para os que solicitan entrar por primeira vez. O calendario de acceso establécese en base ó artigo 5 do Regulamento de organización e funcionamento das Escolas Infantís Municipais.
As instancias para a reserva de praza xa se poden recoller dende hoxe nas escolas infantís, no Concello ou descargalas da web municipal e o prazo para entregalas vai dende o 1 ó 15 de marzo. Dende o departamento de Benestar acordouse habilitar un servizo de información ós usuarios/as e de recollida de solicitudes nos tres centros dependentes do Concello de Teo. Concretamente na EIM da Ramallosa será os días 1, 8 e 15 de marzo. Na EIM dos Tilos os días 5 e 12 de marzo e en Calo será o 6 e 13 de marazo en horario de 09:00 a 14:00 horas. As persoas que prefiran deixar as solicitudes no Concello deben facelo no Rexistro Xeral do Concello.
As solicitudes de novo acceso, cando o neno/a non ten praza na escola, tramitaranse entre o 16 e o 31 de marzo. Durante ese período informarase sobre os trámites nos Servizos Sociais municipais en horario de 09:00 a 14:00 horas. A entrega de solicitudes de novo acceso deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello na segunda quincena de marzo.
Ignacio Iglesias destaca que o martes 13 de marzo se realizará unha sesión informativa no salón de plenos ás 19:00 horas. Esta charla está dirixida ás persoas que queiran acceder por primeira vez ás escolas infantís, xa que son os que máis dúbidas presentan. Por iso a xuntanza se realizará xusto antes do prazo de novo acceso, que comeza o 16.
Dende Benestar lémbrase que entre os requisitos que deben cumprir os solicitantes está que o/a menor teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso no centro e non ter cumpridos os 3 anos a 31 de decembro do ano no que se solicita praza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario