Ames – balance programa de prevención de drogodependencias

No pasado ano 2011 uns 1.800 alumnos/as participaron nas actividades do programa de prevención de drogodependencias que desenvolve o Concello de Ames de forma conxunta con Brión e Negreira

O Concello de Ames, que é o organismo responsable técnico e administrativo da xestión, desenvolve o programa de prevención de drogodependencias de forma conxunta cos Concellos de Brión e Negreira.

No pasado ano 2011, os programas e actividades de prevención de drogodependencias foron dirixidos a unha poboación total de 42.276 habitantes pertencentes aos concellos de Ames, Brión e Negreira.

Os programas máis destacados realizados no ámbito escolar foron as “Intervencións socioeducativas nas aulas” nas que participaron 1.526 alumnos, un 73,78% de participación da poboación obxecto do programa.

Durante este curso as actividades escolares puxéronse en marcha no mes de setembro. As sesións para pais/nais baixo o nome de “A familia máis que un teito”, así como outras posibles accións, estanse a programar para os tres concellos implicados.

Ames, 27 de febreiro de 2012. O Concello de Ames continúa desenvolvendo un programa de prevención de drogodependencias que conta cun amplo abano de actividades e iniciativas en diferentes ámbitos de actuación. No pasado ano 2011, os programas e actividades estiveron dirixidos a unha poboación total de 42.276 habitantes. Destes, os escolares entre 10 e 19 anos foron os máis beneficiados e cos que máis se traballou dende a prevención. Deste xeito, beneficiáronse 1.796 alumnos e alumnas dos nove centros de ensino de Educación Primaria e Institutos de Educación Secundaria dos tres concellos.

Os programas máis destacados realizados no ámbito escolar foron as “Intervencións socioeducativas nas aulas” nas que participaron 1.526 alumnos, un 73,78% de participación da poboación obxecto do programa. Nesta actividade participaron os alumnos de 6º de Educación primaria, ESO, PCPI, Diversificación, Bacharelato e Ciclos Medios e Superiores. En total realizáronse 152 sesións de 50 minutos cada unha en 55 aulas dos centros de ensino.

Outra das actividades desenvolvidas foi “A saúde na escola”, que estivo dirixida aos escolares de 5 a 18 anos. Esta actividade tivo unha participación de 988 alumnos e nela implicáronse 48 profesores. En outro dos programas,“O segredo da boa vida”, dirixido á poboación escolar de 5º e 6º de primaria, participaron 563 escolares e 28 profesores de 28 aulas dos 6 centros de educación primaria de Ames, Brión e Negreira.

Intervencións no ámbito familiar

Outro ámbito destacado polo interese que ten a participación dos seus membros é o familiar, non debemos esquecer que a familia ten un papel fundamental na educación, é o modelo base da aprendizaxe de valores, actitudes e comportamentos para os fillos/as. Nas actividades de grupo e individuais participaron 161 pais e nais.

A psicóloga clínica responsable do programa de Prevención das drogodependencias atende directamente e de xeito individualizado a todas as persoas que necesiten información e asesoramento, valora e deriva a outros servizos si se considera necesario.

No ano 2011 atendéronse 52 persoas, das cales 28 foron pais e nais cos que se tiveron 35 intervencións, e fixéronse ademais, outras 36 intervencións breves con 24 menores considerados en situación de risco. Este servizo está a disposición de todos os cidadáns e atopase situado na Casa da Cultura de Bertamiráns, na Praza Chavián, s/nº, en Bertamiráns. Tamén poden poñerse en contacto a través dos teléfonos 981 89 10 17 ou 680 156 158.

O obxectivo fundamental da prevención das drogodependencias segue a ser a promoción da saúde e o benestar social. Tentar acadar unha maior implicación das familias, reducir ao máximo os factores de risco e potenciar os factores de protección, evitar chegar á situación de dependencia e reducir os danos en aquelas persoas que xa tiveron algún contacto ou se iniciaron nos consumos de sustancias psicoactivas. Con este fin, o servizo de prevención de drogodependencias segue programando e traballando neste ano 2012. As actividades escolares puxéronse en marcha co comezo do curso escolar 2011-12, e as sesións para pais/nais baixo o nome de “A familia máis que un teito”, así como outras posibles accións, estanse a programar para os tres concellos implicados.

Non debemos esquecer que o problema das drogas involucra a todos, sen distinción de idade, sexo, clases sociais, razas, nin relixión.

Plan de Trastornos Adictivos 2011-2016

Dende o 31 de xullo de 1998 véñense asinando convenios de colaboración entre a Consellería de Sanidade e diversos concellos da nosa Comunidade Autónoma para a realización de programas e actividades no eido da prevención das drogodependencias. O Concello de Ames, xunto cos Concellos de Brión e Negreira forman parte desta colaboración dende o mes de xullo de 2008 no que se asinou o primeiro convenio de colaboración e cofinanciamento para o desenvolvemento de Programas e actividades de Prevención das Drogodependencias.

Tanto a Consellería de Sanidade como o Concello de Ames consideran esencial o establecemento de accións conxuntas para os efectos do desenvolvemento das medidas e acción contidas no Plan de Trastornos Adictivos 2011-16, co fin de reducir, na medida do posible, a problemática ocasionada polo consumo de drogas nos concellos. Á espera da adhesión ao novo convenio de colaboración e cofinanciamento coa Consellería de Sanidade, o servizo de Prevención de drogodependencias de Ames, Brión e Negreira, xestionado por unha psicóloga clínica-técnico en prevención de drogodependencias do Concello de Ames, segue coa súa programación neste ano 2012 respondendo ao interese de que os programas e actividades cheguen ao maior número de beneficiarios posible e á necesidade de manter cuberta a demanda crecente deste tipo de actividades.

A especificidade técnica que requiren os programas a desenvolver, así como a prioridade de darlle continuidade aos mesmos, son algunha das causas que o concello de Ames, ten en conta para darlle continuidade ás actividades que se viñan realizando nos tres concellos.

Ningún comentario: