Silleda – arranxo dun camiño coa colaboración dos veciños

A Concellería de Obras repara un camiño na parroquia de Ponte coa colaboración dos veciños DSC01213

Silleda, 23 de febreiro de 2012. A Concellaría de Obras, que dirixe Manuel Cuiña, está a levar a cabo en Ponte, no lugar de Meixomence, unha obra de reparación do firme dun tramo de vía pública nun cruce, en colaboración cos veciños.

Ata o de agora, os veciños da zona tiñan problemas con esta pista pola que servían algunhas das vivendas e estabulacións, posto que ao correr a auga por esta vía, o firme estaba desfeito, e só quedaba na parte superior unha gran cantidade de lama e lodos, que non era a primeira vez que fixeran que algún camión da recollida do leite ou algún tractor se enterrase sen dar saído sen a axuda dos veciños que logo tiñan que remolcalos.

As obras, consiten na canalización da auga que corría polo camiño para que non volva estropealo e tamén no recheo do cruce con grandes pedras para que fagan a drenaxe, así como para facer firme o novo chan. A continuación procederase a cubrir a zona con formigón e está previsto que no prazo dunha semana xa poidan circular polo mesmo, calquera vehículo, se ningún tipo de dificultade.

A Concellaría de Obras faise cargo da capa de pedra coa qe se encherá o sitio, así como da man de obra e as máquinas precisas para facelo, mentres que os veciños pagarán o formigón, que é o máis caro.

O Concelleiro de Obras, Manuel Cuiña, afirma que “neste momento, a colaboración dos veciños para levar a cabo este tipo de obras, é primordial, xa que de non ser por eles, o Concello non podería asumir o custo total das mesmas, e deste modo podemos solventar o problema entre todos”.

Ningún comentario: