OS ORZAMENTOS DE OROSO PARA 2012 ASCENDEN A 14,8 MILLÓNS E INCLÚEN UN PLAN DE INVERSIÓNS DE 615.000 EUROS FINANCIADO CON FONDOS PROPIOS
Manuel Mirás destaca que estas contas amosan “a sustentabilidade económica do Concello de Oroso, pois os ingresos correntes son superiores aos gastos correntes en 577.000 euros”
29 de febreiro de 2012.- O pleno municipal de Oroso aprobará este venres en sesión extraordinaria os orzamentos municipais para 2012, que ascenden a un total de 14.818.436 euros e contemplan unha partida de 11,1 millóns de euros para investimentos. Uns orzamentos que supoñen un incremento do 1,45% con respecto a 2011 e que inclúen un plan de investimentos de 615.000 euros financiado con fondos propios.
Este plan de Investimentos, xunto ás diferencias entre os gastos e os ingresos correntes, fai que o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destaque que “estamos ante uns orzamentos que amosan a sustentabilidade económica do Concello de Oroso, pois os ingresos correntes son superiores aos gastos correntes en 577.710 euros, é dicir, nun 16,675%”. Así, o gasto corrente do Concello de Oroso para 2012 ascende a 3,46 milllóns de euros, fronte aos 4,04 millóns de euros correspondentes aos ingresos correntes.
De feito, Mirás Franqueira tamén explica que “fixemos tamén unha aproximación coa liquidación da conta de 2011 e temos unha diferencia favorable de 437.380 euros”, o que demostra os bos resultados do Plan de Reequilibrio Financeiro aprobado en 2008 e que contemplaba acadar este equilibro no ano 2011.
San Martiño II
O alcalde orosán sinala que “non só estamos na senda do equilibrio financeiro, senón que mantemos os investimentos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”. Así, deses 14,8 millóns de euros de orzamentos, un total de 11.105.448 euros correspóndese con investimentos. Manuel Mirás destaca especialmente que “nun tempo de recortes, en 2012 o Concello de Oroso vai investir algo máis de 615.000 euros procedentes de fondos propios nun Plan de Investimentos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Un ano máis, eses 11,1 millóns en investimentos inclúen unha partida de 9,1 millóns correspondentes á ordenación e urbanización da área de reparto 10, onde se ubicará o polígono empresarial San Martiño II. Un proxecto no que o Concello de Oroso xa está a traballar para tentar de poñer en marcha por fases, de xeito que nun primeiro momento se poida poñer en marcha o 30% do proxecto e despois seguir avanzando de acordo coa demanda de solo industrial. De feito, o propio alcalde orosán xa se reuníu a principios de xaneiro con propietarios do sector número 10, no que se asenta o polígono empresarial San Martiño II, para trasladarlles esta proposta.
Este proxecto abarca unha extensión total de 517.211 m2 e contempla un aproveitamento industrial de 250.470 m2. Conta cunha superficie de 97.000 m2 de suelo rústico adscrito que quedará como zona verde, ao que hai que sumar outros 40.000 m2 de zonas verdes dentro do polígono. O Concello de Oroso actúa como promotor desta iniciativa e a xestión do chan realizarase polo sistema de cooperación. Os solares serán edificados no prazo máximo de dous anos dende a recepción das obras de urbanización, garantizando así a ocupación efectiva e productiva das parcelas.
Orzamentos “sen polígono”
Manuel Mirás explicou que “aínda que non incluiramos esa partida para o San Martiño II, estariamos a falar cuns orzamentos cun importante gasto en investimentos, superior aos 1,4 millóns de euros”. Un anexo de investimentos nos que destacan os 410.000 euros destinados á construción da nova escola infantil municipal. “Agora mesmo estamos traballando no convenio e esperamos asinalo canto antes para poder comezar coas obras”, explica Mirás Franqueira.
Outros proxectos moi destacados, orzamentariamente falando, son os relacionados coa mellora do abastecemento de auga no municipio. Así, os orzamentos de 2012 contemplan 323.000 euros para o abastecemento de auga nos núcleos rurais de Vilacide de Abaixo e Berdomás; así como outros 56.000 euros para o abastecemento de auga na estrada AC-460 e outros 53.000 euros para a instalación dunha rede de bombeo e saneamento no lugar do Empalme, parroquia de Trasmonte.
Canda estas obras, tamén se contempla unha serie de importantes investimentos para o benestar dos veciños e veciñas de Oroso, se ben máis economicamente máis modestos. É o caso dos 61.000 euros consignados para rematar o centro social de Cardama; os 59.000 euros para a xestión e reducción do gasto enerxético na iluminación pública; os 35.000 euros para a mellora da rede viaria de Marzoa ou os case 100.000 euros para a execución da rede eléctrica, preinstalación de alumeado público e zonas peonís no vial que une os núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro coa N-550 (segunda fase).
Gastos e ingresos
No capítulo de gastos, as retribucións ao persoal ascenden a 1,27 millóns de euros, o que supón o 9% do total dos orzamentos. O capítulo de gasto corrente mantense nunhas cifras similares a 2010: 1,7 millóns de euros; mentras que os gastos financeiros redúcense ata os 59.048 euros. Deste xeito, o gasto corrente ascende a 3,4 millóns de euros, apenas 100.000 euros máis ca no ano pasado.
No capítulo de ingresos, os orzamentos de 2012 contemplan 10,2 millóns de euros procedentes de taxas e outros ingresos, así como 1,5 millóns de transferencias correntes. As contas contemplan tamén amortizar ao longo de 2012 un total de 248.356 euros da débeda pendente con entidades de crédito, cifrada en 1,6 millóns de euros a 31 de decembro de 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario