Auditorio de Galicia – mostra pública dos resultados do último obradoiro da Zona C

hoxe, xoves 1 de marzo e mañá venres 2 teremos na Zona "C" ás 20.30h. a mostra pública do traballo realizado no obradoiro de creación escénica 'O texto como Pre-Texto'. 

En palabras de Alfredo Padilla, que impartiu o obradoiro, "Non se amosará un resultado pechado, senón un traballo en proceso. Nel, os espectadores poderán ver a tres actrices (Olga Abad, Marga Alborés e Tero Rodríguez) enfrontándose a textos que falan sobre a memoria e a identidade, nunha busca por descubrir quen son realmente."

A mostra, que terá unha duración breve de aproximadamente media hora, pecharase cun debate aberto aos asistentes sobre o proceso que se seguiu durante o obradoiro. A entrada será de balde, ata completar aforo.

 

Obradoiro de Creación Escénica
Co motivo da estrea en Santiago de “Mujer Muerta Caminando”, o seu director, Carlos Álvarez-Ossorio, realizará un
obradoiro práctico de creación escénica no que amosará o proceso de traballo da compañía, e que dará como froito
unha mostra pública. Da mesma maneira que “Mujer Muerta Caminando” parte da novela “O idiota” de Dostoievski para
crear unha nova peza propia, neste obradoiro investigarase o proceso de creación contemporánea a partir de textos
seleccionados polos participantes.
O programa enfocarase a experimentar co texto a través de propostas, improvisacións, partituras e diverso material
relacionado directa ou indirectamente co texto (imaxes, música, sons...). Será moi importante o traballo co espazo
baleiro e a relación co espectador, pois non se traballará á italiana, senón usando un espazo similar ao da montaxe da
compañía, onde a proximidade co espectador é fundamental. Trátase dun proceso de laboratorio teatral, ao cabo do cal
se confrontará co espectador un resultado provisional, unha colaxe de propostas, entendendo esa confrontación como
un paso máis no proceso de creación.
O obxectivo xeral será pois potenciar a imaxinación e a creatividade á hora de achegarse, dende a escena, a calquera
texto, tanto teatral como non teatral (un poema, un conto, unha noticia dun xornal, etc.), sempre dende o rigor e o
compromiso, buscando tanto desentrañar o texto como atopar, a través do método de traballo da compañía, diferentes
recursos, materiais, técnicas, posibilidades e ferramentas o máis concretas, expresivas e eficaces posibles.
3 Mujer Muerta Caminando – Cámara Negra Teatro

Ningún comentario: