ACLARACIÓN NOTA PRENSA
VALORACIÓN DOS SOCIALISTAS DO PLENO DE 27-10-11
Os socialistas de Teo queren aclarar que nos datos sinalados na nota de prensa do día 28 de outubro, sinalábase que o Concello de Teo “onde no ano 2010, gastouse un millón de euros mais do que se ingresou” , cando debía dicir, “onde no ano 2010 gastaronse mais de cen millóns das antigas pesetas, mais de 600.000 euros do que se ingresou”, debido a o erro na conversión das antigas pesetas a euros.
Os socialistas de Teo reitéranse na necesidade dunha mellor xestión económica no Concello de Teo, onde a única resposta que ofrece o grupo de goberno do BNG fronte a esta pésima situación económica é un maior endebedamento e unha suba das taxas e impostos, que nalgún caso chega ao 60%.
NOTA PRENSA
VALORACIÓN DOS SOCIALISTAS DO PLENO DE 27-10-11
Os socialistas de Teo valoramos moi positivamente o acordo adoptado no Pleno do Concello de Teo de 27 de outubro de 2011, da retirada do nomeamento do ditador Francisco Franco como alcalde honorario de Teo. Lamentamos que dito acordo non acadase o apoio de todas as forzas políticas con representación no Concello, o que sería un exemplo de normalidade democrática e de recoñecemento ás vítimas e represaliados polo réxime franquista.
A relevancia simbólica deste tema non pode ocultar que no Pleno se discutiron outras propostas de Alcaldía que inciden directamente nos petos dos/as teenses. Desta forma aprobáronse un aumento do endebedamento do Concello así como unha suba das taxas do lixo e do imposto de vehículos.
Os socialistas de Teo queren por en manifesto que a situación do Concello de Teo comeza a ser preocupante. Nos últimos 10 meses a situación económica do Concello de Teo variou da seguinte forma:
| INDICADORES ECONÓMICOS | 31/12/2010 | 27/10/2011 |
| DEBEDA VIVA | 1.751.000 € | 3.018.107,05 € |
| RATIO DE ENDEBEDAMENTO | 25% | 35% |
| ENDEBEDAMENTO POR HABITANTE | 98 € | 168 € |
Como resultado da xestión do Goberno do BNG en dez meses incrementouse a débeda viva nun 41%, e actualmente non se cumpren o prazo de pagos aos provedores. Hai que pedir un novo crédito bancario e por outro lado, manteñen as mesmas dedicacións exclusivas nuns niveis que consideramos esaxerados.
Un concello de 18.000 habitantes, cunha débeda de mais de 3 millóns de euros, onde no ano 2010, gastouse un millón de euros mais do que se ingresou, non se pode permitir 5 dedicacións exclusivas (todas elas para un grupo de goberno composto en total por 9 concelleiros/as) e 2 para persoal de confianza,que supoñen 250.000 euros ao ano, 1 millón de euros en 4 anos. Non podemos manter o mesmo número de dedicacións exclusivas que na anterior corporación, porque a situación económica é radicalmente diferente, son necesarios recortes nas dedicacións exclusivas, recortes que acometeron a maioría dos concellos da nosa contorna neste ano 2011.
A única resposta que ofrece o grupo de goberno do BNG fronte a esta pésima situación económica é un maior endebedamento e unha suba das taxas e impostos, que nalgún caso chega ao 60%.
