BNG Ordes . desaparece o servizo de prevención de drogodependencias polos recortes da Xunta

O BNG DENUNCIA A ELIMINACIÓN DO SERVIZO DE PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIA NA MANCOMUNIDADE DE ORDES DEBIDO AOS RECORTES DA XUNTA
Os nacionalistas afirman tamén que todos os servizos sociais básicos da mancomunidade están en risco de desaparecer debido aos recortes da Xunta e do Goberno Central. 

O BNG presentará unha moción para que esixir á Xunta e ao Goberno Central que manteñan estes servizos.
Gonzalo Castro acusa a Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da mancomunidade, “de manter un silencio cómplice cos recortes do PP”. 

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes denunciou a eliminación do servizo de prevención de drogodependencias que se viña prestando desde a Mancomunidade de Municipios da comarca de Ordes, ao suprimirse o seu financiamento por parte da Consellería de Sanidade. 

Castro afirmou que “este servizo viña desenvolvendo programas nos ámbitos da información e formación, escolar, xuvenil, familiar e comunitaria, ofrecendo unha atención integral para cubrir os ámbitos fundamentais da prevención das drogodependencias”

Gonzalo Castro afirmou que “ademáis da supresión deste servizo, o conxunto dos servizos sociais comunitarios básicos sufrirán graves recortes que mesmo poñen en dificultades a súa permanencia, xa que os recortes do goberno central e da Xunta para os plans concertados inviablizan que se poida seguir prestando estes servizos desde a mancomunidade, existindo dificultades económicas evidentes para que moitos dos concellos da comarca poidan asumir estes servizos a nível municipal”. 

O portavoz do BNG afirmou que “nunca se necesitaron tanto como agora os servizos sociais e o goberno central ven de reducir nun 40% os recursos destinados a financiar os servizos sociais prestados polos concellos e mancomunidades, uns servizos destinados a atender a quen xa non alcanza a pagar o recibo da luz, a auga, a quen perdeu a prestación por desemprego e necesita axuda para alimentos, roupa...”

Castro salientou que “as traballadoras sociais que xestionan estes servizos atenden situacións de emerxencia, que estes anos desbordaron as peticións”

“Resulta inhumano aplicar recortes en materias sociais que constiruen o pear do Estado do Benestar, recortar estas axudas é como pechar hospitais en plena epidemia”, enfatizou o portavoz dos nacionalistas ordenses.

Moción do BNG e “silencio cómplice” do alcalde e presidente da mancomunidade
Gonzalo Castro anunciou que o BNG presentará unha moción “para esixir o mantemento do servizo de prevención de drogodependencia na mancomunidade de Ordes e instar á Xunta e ao Goberno Central a que manteñan os recursos que permitan á mancomunidade seguir prestando os servizos sociais comunitarios básicos”

O portavoz do BNG de Ordes criticou a Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da mancomunidade “polo seu silencio cómplice cos recortes do PP”. Castro salientou que “a falta de iniciativa do alcalde de Ordes e presidente da mancomunidade para defender servizos básicos está a ocasionar un grave perxuizo ás persoas que peor o están a pasar coa crise económica”.

Ningún comentario: