A SOLIDARIEDADE DOS VECIÑOS SUPERA TODAS AS EXPECTATIVAS DO “BRIÓN SOLIDARIO” E PERMITE DUPLICAR O NÚMERO DE FAMILIAS BENEFICIADAS
As aportacións veciñais mesmo triplicaron a achega do Banco de Alimentos e aínda seguen chegando doazóns a través dos distintos centros educativos do municipio
Xosé Luís García agradece a resposta dunha veciñanza que “soubo dar unha lección de humanidade para que todas as familias poidan ter algo que poñer na mesa este Nadal”
“Brión solidario”, a campaña municipal de recollida de alimentos para as familias máis necesitadas de Brión posta en marcha o pasado mes de outubro, está superando todas as expectativas grazas á extraordinaria colaboración amosada polos veciños e veciñas de Brión. Unha colaboración que permitirá duplicar o número de familias beneficiarias destas axudas, que pasarán de doce a 25 familias, é dicir, algo máis de 65 veciños e veciñas.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, que a principios de novembro facía un chamamento á solidariedade veciñal diante da situación dun almacén de alimentos totalmente baleiro, asegura que “non tiña dúbidas de que os veciños e veciñas de Brión saberían respostar, pero teño que recoñecer que non esperabamos unha marea solidaria destas dimensións. E menos nun contexto de crise económica como a que vivimos, na que cada vez son máis as familias que sofren para chegar a fin de mes, pero Brión soubo dar unha lección de humanidade para que todas as familias poidan ter algo que poñer na mesa durante este mes de Nadal”.
Múltiples aportacións
“Brión solidario” contou dende o principio coa colaboración dos distintos centros educativos do municipio (na recollida de aportacións), da asociación de mulleres rurais Xuntanza (encargadas de clasificar e confeccionar os paquetes), do Froiz do centro comercial Monte Balado (onde se podían realizar aportacións en cartos) e, sobre todo, dos veciños e veciñas de Brión. Unha campaña á que tamén se sumaron empresas e establecementos comerciais do municipio.
As achegas de alimentos non perecedoiros chegaron de múltiples formas. Algunhas o fixeron directamente a través da Casa do Concello, da casa da cultura, da biblioteca municipal ou do centro social polivalente, onde incluso os alumnos e alumnas dos distintos obradoiros de maiores viñeron con cadansúa bolsiña “para os pobres”. E se fantástica foi a reacción da terceira idade, a dos máis novos non se quedou atrás. Así, os nenos e nenas, e as súas familias, da gardería municipal, do CEIP de Pedrouzos e do IES Brión participaron activamente no “Brión solidario”.
O xeito tan sinxelo como efectivo de organizar a recollida dos alimentos demostra que, cando hai vontade, todo se pode conseguir. Así, os alumnos, profesores, pais, nais... puideron depositar alimentos perecedoiros nun carriño da compra cedido polo supermercado Froiz. Cando estaba cheo, se recollían os alimentos e volta a empezar. Así de simple. De feito, a día de hoxe aínda se están entregando algún deses carriños, concretamente do colexio e da gardería.
E a terceira vía de colaboración chegou da man dese mesmo Froiz, que recolleu as aportacións monetarias dos veciños que preferiron doar cartos directamente para mercar alimentos. Preto de 500 euros aos que haberá que sumar os 3.200 euros procedentes da renuncia da paga extra de Nadal por parte do alcalde, Xosé Luís García, e os concelleiros con dedicación exclusiva ou parcial no Concello de Brión. Con eses cartos, e unha vez contabilizadas todas as aportacións, compraranse os alimentos precisos para completar as achegas que as integrantes da Asociación de Mulleres “Xuntanza” se encargará de conformar.
Dobre de familias
Grazas a esta marea de solidariedade, que segue nestes días coa organización dun partido solidario ou as aportacións dalgunhas empresas, a campaña “Brión solidario” chegará a un total de 25 familias de Brión. Unhas familias identificadas polos Servizos Sociais de Brión de acordo cuns criterios obxectivos de selección e segundo os recursos dispoñibles por cada núcleo familiar. Pola súa banda, as integrantes da asociación de mulleres rurais “Xuntanza” encárganse da confección e da entrega dos paquetes.
Con “Brión Solidario”, o Concello pretende axudar a paliar a pobreza e a exclusión social no noso municipio a través da creación e mantemento dunha cadea de solidariedade alimentaria. Trátase de establecer unha ponte entre os doantes de alimentos e as necesidades máis próximas, asegurando así unha xusta distribución dos alimentos recadados entre os que máis o precisan. Unha estrutura que se manterá no tempo para poder seguir axudando a estas familias fóra destas datas especiais do Nadal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario