DÚAS EXCURSIÓNS, A XUVENLUGO E A PATINAR SOBRE XEO, E UNHA GRAN FESTA DE NADAL COMPOÑEN A OFERTA DE NADAL DO CONCELLO FRADES
Para asistir ás actividades é preciso anotarse 3 días antes da súa celebración ben no Concello, ben no 981 605 567
Dúas excursións, a Xuvenlugo e a patinar sobre xeo na Coruña, a visita de Papá Noel aos nenos do CPI Pontecarreira e unha gran Festa de Nadal compoñen o programa de actividades de Nadal deseñado polo Concello de Frades para este ano. Un programa que combina actividades gratuitas, dirixidas especialmente aos máis pequenos da casa, con dúas viaxes nas que os participantes teñen que aboar unha pequena cuota e na que se establecen descontos para os veciños e veciñas empadroados en Frades.
O programa abrirase este xoves 20 de decembro coa visita de Papá Noel á biblioteca do CPI Pontecarreira. Entre as 12:00 e as 13:00 horas, os alumnos e alumnas de Infantil e de Primaria poderán entregarlle as súas cartas. Ademais, un dos duendes de Papá Noel fará un espectáculo de globoflexia e repartirá caramelos entre todos os asistentes,
Viaxes
Así mesmo, dende hoxe está aberto o prazo de inscricións en dúas excursións organizadas polo Concello de Frades. A primeira delas terá como destino a cidade da Coruña e nela os rapaces e as súas familias poderán disfrutar dunha sesión matutina de patinaxe sobre xeo no Coliseo e dunha sesión de cinema de tarde, coa proxección da película “Rompe Ralph” no centro comercial Marineda City. O prezo é de 15 euros para os veciños e veciñas empadroados en Frades (20 euros para os non empadroados). Os menores de 12 anos deberán ir acompañados dun adulto.
A segunda excursión é xa toda unha tradición no Nadal fradense e ten como destino Xuvenlugo, unha feira que inclúe diversas atraccións e xogos dirixidos ao público infantil e xuvenil. Unha iniciativa que nas últimas edicións reuniu a máis de medio centenar de veciños e que este ano terá lugar na tarde do mércores 2 de xaneiro. O Concello de Frades porá autobuses de balde para os veciños e veciñas empadroados no municipio. Os veciños non empadroados terán que aboar unha cota de 3 euros para participar. En todo caso, todos os participantes deberán aboar os 5 euros da entrada ao recinto feiral.
Festa de Nadal e Fotos antigas
Pero a gran novidade do Nadal de Frades terá lugar o venres 28 de decembro, día no que o multiusos de Frades acollerá unha gran Festa de Nadal para nenos e a inauguración da exposición do Concurso de Fotos Antigas, ambos actos de asistencia totalmente gratuita. A xornada comezará ás 11:00 da mañá, cunha gran Festa de Nadal que incluirá animación, xogos, un obradoiro de Nadal, a visita do Carteiro Real e un espectáculo de títeres denominado: “Tolo conto de Nadal”. Haberá agasallos para todos os nenos e nenas participantes e a ANPA do CPI Pontecarreira ofreceralles tamén un almorzo.
Ás 13:30 horas terá lugar a entrega de premios do Concurso de Fotos Antigas, organizado polo Concello de Frades, e a inauguración da exposición coas fotos gañadoras e participantes. Un concurso que resultou un gran éxito de participación, xa que os veciños e veciñas do municipio presentaron máis de oitenta instantáneas. Unhas fotografías de temática moi variada, aínda que as que máis abundan son os retratos de familias, festas campestres e romarías.
Para asistir a calquera destas actividades é preciso anotarse previamente no Concello de Frades, ou chamando ao 981 69 55 67, ata tres días antes da celebración da actividade. De non xuntarse un grupo mínimo, a actividade non se celebraría.
Ningún comentario:
Publicar un comentario