A iniciativa desenvolverase no pabillón municipal de Pedrouzos e contará con actividades para os nenos
O Concello de Brión organiza hoxe un Rastriño de Nadal, no que os asistentes poderán comprar e vender todo tipo de obxectos usados e de segunda man. Unha iniciativa cuxa gran aceptación veciñal motivou que se volvese de carácter mensual (os segundos domingos de cada mes) pero que este mes incluirá unha serie de actividades especiais para os nenos e nenas, coincidindo coa celebración do Nadal.
A outra gran novidade é o cambio de ubicación, pois a previsión de choiva para este domingo aconsellan celebralo no pavillón municipal de Pedrouzos. O rastriño terá lugar durante a mañá do domingo, a partir das 10:30 horas, e está aberto á participación libre e gratuita de todos os veciños de Brión que o desexen, como compradores ou vendedores..
A concelleira de Cultura, Patricia Vázquez, invita aos veciños e veciñas a pasarse polo pabillón municipal xa que “é unha oportunidade tanto para o que vende, que se desfai dun obxecto que non utilizaba, como para os que veñen comprar, que poden atopar obxectos do máis variado”.
Este rastriño conta cunha media de 25 postos participantes, moitos dos cales son de veciños e veciñas de Brión. En canto aos produtos que se poden atopar, son tan variados como se lles ocorra aos veciños: produtos de artesanía, roupa, calzado, equipamento de moto, gourmets, complementos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario