Frades - 70 veciños participaron no 2012 en cursos de informática

SETENTA VECIÑOS E VECIÑAS DE FRADES PARTICIPARON ESTE ANO NOS CURSOS DE OFIMÁTICA PERSONALIZADOS AO NIVEL DE CADA ALUMNO 
O alcalde de Frades, Roberto Rey, fixo entrega dos diplomas aos oito alumnos e alumnas que participaron no último curso de 2012


O alcalde de Frades, Roberto Rey, entregou na noite de onte os diplomas acreditativos aos oito alumnos participantes na quinta edición dos cursos de ofimática personalizados ao nivel de cada un dos alumnos participantes. Trátase duns cursos organizados polo Concello de Frades nos que o profesor se adapta tanto ao nivel como ás necesidades concretas de cada alumno para poder ofrecerlles así unha formación personalizada.


Coa clausura do curso de onte, unida ao inicio este mesmo luns da sexta entrega con outros dez alumnos, o número de veciños e veciñas que terán participado nestas accións formativas organizadas polo Concello de Frades alcanzará os setenta neste ano 2012. Cada un destes cursos ten unha duración de 50 horas lectivas e celébrase na Aula de Informática do Concello de Frades en horario nocturno, de 21:00 a 23:00 horas. Un horario, en principio, sorprendente pero que é o que máis facilita a participación dos veciños.


Adaptado ás necesidades do alumno


Unhas clases nas que os veciños abordan distintas temáticas de acordo coa súa formación nas novas tecnoloxías, dende cuestións básicas do manexo dun ordenador baixo o sistema operativo Windows, ata nocións xerais ou específicas de programas (word, excel, access) ou navegadores. Así, cada alumno recibe a formación que máis se adapta ás súas necesidades.


Os alumnos que participaron no quinto curso clausurado onte martes comezaron as clases o pasado 18 de setembro, celebrando sesións todos os martes e xoves ata o 11 de decembro. Os dez alumnos que iniciaron este luns 10 de decembro o sexto curso de informática personalizada asistirán a clases ata o vindeiro 27 de febreiro.

Ningún comentario: