O CONCELLO DE OROSO PON A DISPOSICIÓN DOS VECIÑOS UN SISTEMA DE RESERVAS ONLINE PARA AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
O concello de Oroso vén de poñer a disposición dos veciños e veciñas un novo sistema de reservas online para as instalacións deportivas da súa titularidade: polideportivo, pista de pádel, campo de fútbol 11, campos de fútbol 7 e pista de squash. Deste xeito, dende o seu ordenador e de xeito sinxelo, cada veciño e veciña poderá ver as horas dispoñibles nunha instalación e nun día concreto, reservar aquelas que lle interesen e facelo pago todo elo dun xeito cómodo, seguro e transparente.
O pago da taxa pola utilización da instalación tamén se fará online e, de feito, a efectividade da reserva queda supeditada ao devandito pago, de acordo coas tarifas establecidas nas ordenanzas fiscais vixentes. Neste caso, o usuario só deberá imprimir o PDF co xustificante do pago e reserva para presentalo na instalación correspondente.
Punteiro na comarca
Coa posta en marcha deste sistema de reservas online, o Concello de Oroso incrementa a oferta de servizos que ofrece a través da súa páxina web (www.concellooroso.com) e a través da súa recén inaugurada sede electrónica, onde é o primeiro concello das comarcas de Ordes e Santiago en poder ofrecer este servizo aos seus veciños e veciñas. Mais a preocupación do Concello de Oroso pola administración de electrónica xa vén de moi atrás e mesmo dou un salto de calidade en maio de 2011, data na que se puxo en marcha uns sistema de xeración dinámica dos impresos de autoliquidacións, que permitiu que por primeira vez os veciños e veciñas de Oroso puideran pagar as taxas e os prezos públicos municipais comodamente dende o seu ordenador. Un sistema que vén sendo utilizado de xeito cómodo, seguro e transparente pola veciñanza orosá.
A este servizo engadiuse a apertura da Sede Electrónica do Concello de Oroso a principios deste mes de decembro para achegar aínda máis a Administración aos veciños e veciñas de Oroso, que agora poderán facer todos os trámites burocráticos comodamente dende a súa casa e sen necesidade de desprazarse presencialmente ata a casa consistorial. Un servizo no que Oroso é pioneiro nas comarcas de Ordes e de Santiago, pois é o primeiro municipio no que se puxo en marcha a sede electrónica, creada por acordo unánime do pleno municipal orosán o 2 de marzo de 2012 e cuxa xestión e administración está delegada na Deputación Provincial da Coruña.
A sede electrónica municipal (https//sede.concellooroso.es), que está dispoñible para todos os veciños e veciñas de forma gratuíta e permanente, dispón dos seguintes servizos a disposición dos cidadáns:
presentación telemática de solicitudes
enlace para a formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente
acceso, no seu caso, á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático
no seu caso, publicación electrónica de acto e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, indicando o carácter substitutivo ou complementario da publicación electrónica
verificación dos selos electrónicos que se usen na sé
comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos e que foran autenticados mediante código seguro de verificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario