Teo - xornada de formación do clube de debate

CELÉBRASE UNHA XORNADA DE FORMACIÓN NOS TILOS PARA O CLUB DE DEBATE NO QUE PARTICIPA ALUMNADO DOS CONCELLOS DE AMES, ROIS, SANTIAGO E TEO 
Case 100 estudantes de institutos dos catro Concellos participarán na competición comarcal que se realizará en Ames a primeiros de abril

Esta iniciativa púxose en marcha durante o curso pasado impulsado dende os servizos de normalización lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar

As redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas. Este será o tema sobre o que traballarán os equipos de escolares que participen este ano na fase comarcal de Compostela do Club de Debate . Este club é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago, Teo e Vigo. 

Na Comarca de Compostela xa se está traballando dende hai semanas e hoxe mesmo realizouse unha xornada de formación cos equipos anotados de Santiago, Ames, Rois e Teo na Casa Común dos Tilos. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en traballar as técnicas de oralidade e habilidades sociais e comunicativas. A maiores diso abordáronse as técnicas de compilación e tratamento da información para enfrontarse a un tema de debate. O traballo cos case 100 estudantes que participaron nesta xornada de formación combinou o traballo máis regrado coas dinámicas de grupo, técnicas de rol, prácticas de comunicación non verbal...

A mañá rematou cunha simulación de debate por equipos. A Casa Común dos Tilos acolleu catro equipos dos centros composteláns IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; catro equipos do IES de Ames; un equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; un equipo do IES Macías o Namorado de Padrón, un equipo do IES Camilo José Cela tamén de Padrón e un equipo do IES de Cacheiras-Teo. 

Esta actividade formativa servirá para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate de cara á fase comarcal que se celebrará en Bertamiráns (Ames) a primeiros de abril. Os equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán na fase final que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de maio. O equipo gañador da fase galega conseguirá un premio dunha viaxe dunha fin de semana para 25 persoas. 
A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato.

Ningún comentario: