CELÉBRANSE CONCERTOS DIDÁCTICOS NOS COLEXIOS DENTRO DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA CONCELLARÍA DE EDUCACIÓN
O programa coordinado por María Álvarez Garea traballa sobre elementos como a música, o patrimonio natural ou os xogos populares
Os Animais Encantadores de Susa Herrera chegaron ós colexios do Concello de Teo. Trátase dun dos concertos didácticos nos centros escolares, que se enmarcan dentro do programa de actividades proposto pola Concellaría de Educación, dirixido por María Álvarez Garea para este curso 2012-13.
A proposta musical para estes días vén da man de Susa Herrera, profesora de Didáctica e Expresión Musical na Facultade de Ciencias da Educación en Pontevedra. Presentou a súa obra "Animais encantadores", cancións baseadas en contos sobre animais, interpretados con sinxelas coreografías xestuais previamente aprendidas co alumnado.
Os concertos, que están dirixidos aos alumnos/as de infantil e 1º ciclo de primeira, celebráronse nos CEIPs de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. O alumnado do CRA tamén participou xunto cos estudantes da Ramallosa.
A Concellaría de Educación desenvolve durante o curso diferentes programas de apoio á comunidade escolar. Estes programas perseguen o obxectivo de complementar e enriquecer pedagóxica e culturalmente aos nenos e nenas en idade escolar, complementando o proceso de educación máis aló do eido estrictamente formal.
O programa deseñado pola concelleira María Álvarez Garea, en coordinacións cos centros escolares, contén actividades moi diferentes que van dende o achegamento á música, os xogos tradicionais, a seguridade viaria, a educación medioambiental ou as visitas a lugares do Concello para coñecer mellor o patrimonio propio.
Dentro do apartado da música na escola está previsto contar coa axuda da Asociación A Regionalista para coñecer as celebracións e traballos dos nosos antepasados a través dos cantos, música e tradición oral.
O apartado dos xogos realizarase en maio do 2013 e consistirá nunha xornada con xogos tradicionais. Os obxectivos desta proposta é descubrir os xogos tradicionais como unha opción lúdica e colectiva válida; participar no desenvolvemento de estratexias de recompilación e divulgación das prácticas lúdicas tradicionais da zona e ser quen de participar en xogos diferentes.
Un dos aspectos máis destacados da programación proposta polo Concello para traballar cos coles é o programa de saídas e visitas guiadas que busca dar a coñecer ó alumnado o patrimonio natural, cultural e histórico do Concello. Con estas excursións confiase en que os escolares valoren e respecten o seu entorno máis próximo e se responsabilicen por exemplo da súa conservación. Este ano está previsto que coñezan máis de preto a carballeira de Francos, Cornide e Lampai e as ribeiras do Ulla.
Durante o curso tamén haberá tempo para xornadas e actividades que atendan a educación medio ambiental e unha maior sensibilidade cara a seguridade viaria.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario