O PLENO DE BRIÓN APROBA OS ORZAMENTOS PARA 2013, QUE ASCENDEN A 4,47 MILLÓNS E QUE GARCÍA CUALIFICA COMO “OS ÚNICOS QUE PODEMOS PRESENTAR”
O alcalde brionés sinala que “estamos obrigados a aprobalos sen ningún orgullo”, aínda que se manteñen todas as actividades sociais
O pleno aprobou por unanimidade a proposta de POS 2013
O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá os seus orzamentos para 2013, que ascenden a 4.476.284 euros e recollen un descenso dun 11,04% con respecto ao exercicio anterior. “Non son os mellores, senón os únicos que podemos presentar”, explicou o alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen asegurou que “estamos obrigados a aprobalos sen ningún tipo de orgullo”. Uns orzamentos que foron aprobados cos 12 votos a favor de PSOE e PP, e co voto en contra do BNG.
Xosé Luís García explicou que os orzamentos de 2013 “son os que nos marca a Lei”, xa que están adaptados á nova normativa imposta dende o Goberno Central. Entre elas, a Lei Orgánica 2/2012 de 27 de abril, que incorpora a sostenibilidade financeira como principio reitor; a Regra de Gasto, que impide ás Administracións incrementar o seu gasto por riba da taxa de crecemento de referencia do PIB; e a obriga de que cando se obteñan máis ingresos dos previstos, estes non poidan destinarse a financiar proxectos, senón a reducir a débeda bancaria. “A prioridade é que cobren os bancos e iso non é de recibo. Así non imos a ningures”, concluíu o alcalde brionés. “Isto non é o que merecemos”, denunciou Xosé Luís García, quen lembrou que “se está castigando por igual aos concellos que cumprimos coas normas e aos que non o fixeron”.
Redución do gasto
Estes condicionantes, unidos ao contexto de crise económica, fan que a cifra global dos orzamentos diminúa un 11,04% con respecto ao orzamento de 2012. As retribucións do persoal ao servizo do Concello non experimentan incremento ningún e, de feito, o capítulo de Gastos de Persoal experimenta un descenso do 9,28%. Esta redución é froito da desaparición de subvencións da Xunta e da Deputación á contratación de persoal que, sen ese financiamento, non poden ser asumidos polo Concello de Brión, que manterá o servizo aos veciños a través do seu propio persoal. Neste punto, o Concello de Brión tamén eliminou a dedicación exclusiva que tiña a concelleira de Cultura, Mocidade, Xuventude e Persoal, Patricia Vázquez.
O capítulo de Gasto Corrente sufre unha redución de 214.000 euros, baixada que se xustifica na necesidade de reducir aqueles gastos que financiaba integramente o Concello e que, debido a actual situación de crise e ao imperativo legal de cumprimento da estabilidade orzamentaria, quedaron fora. Así mesmo, recóllese unha redución dun 50% nas asignacións aos grupos políticos municipais.
O capítulo de investimentos recolle un descenso de 31.000 euros con respecto a 2012 e destinarase a complementar con pequenas actuacións o funcionamento dos moitos servizos que se veñen prestando. Neste sentido, Xosé Luís García explicou que “a pesar de todo mantemos todas as actividades sociais que tiñamos”. Así, partidas como benestar e servizos sociais se incrementan (un 18.8% e un 5,77%, respectivamente); mentres baixan outras como parques e xardíns (-16%) ou cultura (-21%), onde hoxe se anunciou a desaparición da Romaría Internacional de Folclore, que se viña celebrando no verán.
No que atinxe aos ingresos previstos, os recursos propios da Corporación redúcense nun 1,79% con respecto a 2012. A recadación do imposto sobre instalacións, construcións e obras segue a caer dos 80.000 euros de 2012 aos 25.000 euros de 2013. Ademais, para este exercicio non se prevé ningunha operación crediticia para financiar investimentos. Neste punto, Xosé Luís García denunciou os recortes do 57% nas axudas da Xunta de Galicia e a baixada do 85% das achegas a cultura e do 56% á promoción do deporte por parte da Deputación Provincial.
Apoio do PP, en contra BNG
A voceira en temas de economía do PP, Mercedes Vázquez, xustificou o voto a favor do seu grupo xa que “valoramos que se cumpra coa estabilidade orzamentaria” e “manifestamos o noso apoio porque en momentos de crise o mellor é tirar adiante e saír desta situación”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena, xustificou o seu voto en contra é que “sabendo que é o orzamento que nin o alcalde acepta, quero expresar a miña indignación”. De feito, Peña Espiño instou ao grupo de Goberno a votar en contra ou absterse na aprobación “e que só vote a favor o PP”. Unha proposta que García non aceptou por responsabilidade.
Ligado a este punto da orde do día, o pleno tamén aprobou o límite de gasto non financeiro para 2013, de acordo co principio de estabilidade e que ascende a 3,75 millóns de euros. Un límite que foi aprobado coa abstención do BNG e os 12 votos a favor de PSOE e PP. Xesús Pena xustificou a súa abstención en que “estas normas que nos impoñen reducen a autonomía local”, ao que Xosé Luís García respostou que os socialistas “votamos a favor por imperativo legal”.
Unanimidade na sesión
O resto dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Entre eles destacou a aprobación da proposta da Alcaldía sobre o Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2013, que ascende a 233.571 euros. Desta cifra, o Concello de Brión destinará 140.000 euros a financiar gasto corrente, mentres que o 40% restante será investido en mantemento de beirarrúas e viais en Brión, proxectos que serán executados polas brigadas municipais.
O pleno tamén aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola utilización do complexo da piscina cuberta municipal de Brión, xa que recolle a renuncia da adxudicataria a subirlles o IPC aos aboados e tamén novos beneficios para os usuarios como a creación dunha cota para desempregados (de 10 euros) ou a redución de 10 euros no prezo dos cursos para bebés. Así mesmo, aprobouse o regulamento dos procedementos de intervención administrativa nas actividades e servizos suxeitos a comunicación previa, declaración responsable e licenza de apertura e a desafectación do dominio público dunha finca de 116 m2 en Estrar (Os Ánxeles), que non é de utilidade para o Concello e que será vendida a uns veciños que teñen unha explotación gandeira ao seu carón. O pleno tamén deu luz verde ao complemento de prestación ao persoal funcionario e laboral do Concello en situación de incapacidade temporal, de acordo co esixido polo Goberno Estatal.
Desafiuzamentos
No turno de mocións, o grupo de Goberno presentou a renuncia de Patricia Vázquez á súa dedicación exclusiva por razóns persoais e profesionais, aínda que seguirá prestando as mesmas funcións á fronte da Concellería de Cultura, Mocidade, Xuventude e Persoal. Unha moción que foi aprobada por unanimidade.
A segunda moción, presentada polo BNG e no que se pedía un cambio na Lei Hipotecaria para parar os desafiuzamentos, saíu adiante cos 9 votos a favor de PSOE e BNG e cos 4 votos en contra do PP, quen dixo compartir o fondo da cuestión pero que entendía que, ao tratarse de lexislar, é algo que só compete ao Goberno do Estado. Pena Espiño asegurou que “se houbese vontade política se podería facer, ou non se cambiou a Constitución en tres días?”. Un punto no que coincidiu Xosé Luís García, quen considera que a situación actual é “unha aberración total” e que “a lei hai que cambiala canto antes”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario