Múltiples queixas da veciñanza da zona sobre o estado do viario entre Lucí e Vilariño, obra incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación do ano 2012, cun custe de 190.291,59 euros, e que hai escasas datas que se finalizou, foron recibidas polo PSdeG de Teo.
Unha vez realizada unha visita ao lugar, comprobouse que, como consecuencia das obras efectuadas este outono, se taparon as canalizacións de auga das cunetas, concretamente no camiño de Campelo, taponando as tubaxes de canalización, como se aprecia nas fotos xuntas.
O resultado é que, nos días de choiva, non hai ningunha canalización practicable e a auga busca saída por enriba do viario, ateigando as saídas das fincas lindantes e provocando bolsas de auga moi perigosas na estrada.
Por outro lado, e na mesma obra, obsérvase primeiro que o asfalto está mal executado nos bordes do viario, con zonas onde a aglomerado xa se desprendeu ata chegar á liña que marca o inicio da beiravía. Así mesmo, en curvas que poderían ser melloradas no seu trazado con este acondicionamento, a obra limitouse a botar aglomerado, seguindo o trazado orixinario, pouco seguro.
Tanto a deficiente canalización da auga como o feito de que o rematado das obras nas beiravías deixe bastante que desexar, pode levar consigo no futuro unha degradación moi acelerada do viario, temor que transmitiu a veciñanza da zona á concelleira do PSdeG, Uxía Lemus, na visita a esta obra.
O feito de que, finalizada a obra, os veciños sexan os denunciantes do estado das cunetas e das beiravías amosa, polo menos, que non se cumpriron as obrigas do Concello do seguimento e control estrito das obras, o que evitaría este tipo de problemas, aparecidos xa nun prazo menor dun mes ao remate das obras de acondicionamento do viario Lucí-Vilariño.
Tendo en conta que se trata dunha obra municipal, o Concello debe dar unha solución rápida a esta situación, conforme ás responsabilidades da administración contratante e da empresa contratada para a realización da obra,solución pola que preguntará Uxía Lemus no próximo Pleno municipal do 27 de decembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario