Ames - o Grumir de Brión tivo que actuar de emerxencia en duas ocasións no concello

O GRUMIR DE BRIÓN REALIZA DÚAS ACTUACIÓNS DE EMERXENCIA EN AMES NAS ÚLTIMAS 24 HORAS
Extinguiron dous lumes nun vehículo e nun alpendre de Framil (Biduido) e acudiron a un aviso dun escape de gas no Milladoiro

Operarios do grumir de Brión realizaron nas últimas 24 horas dúas actuacións de emerxencia no termo municipal de Ames: unha medición de gas nun edificio no Milladoiro e a extinción de dous lumes nun vehículo e nun alpendre de Framil (Biduido).
 
A primeira das actuacións tivo lugar ás 8:30 horas do luns 17 de decembro, momento no que o Grumir de Brión recibiu o aviso do 112 alertando dun posible escape de gas nunha vivenda e nas zonas comúns dun inmoble na rúa da Curuxa, no Milladoiro (Ames). Ata o lugar dos feitos desprazáronse catro efectivos do Grumir de Brión coa Pick Up e o BUL (Bomba Urbana Lixeira), que dispón de equipo necesario para facer a medición de gases. Unhas medicións que deron negativo, polo que a incidencia pechouse ás 9:30 horas. De feito, unha vez realizadas as comprobacións de rigor, considérase que a orixe do cheiro que alertou aos veciños podería proceder dunhas obras de mantemento do ascensor do inmoble, realizadas recentemente.

A segunda das intervencións tivo lugar hoxe martes 18 de decembro. Ás 5:15 horas, o 112 alertaba dun incendio nun vehículo no lugar de Framil, tamén na parroquia de Biduido (Ames). Desprazáronse ata o lugar catro efectivos do Grumir de Brión coa Pick Up e o BUL, procedendo á extinción do lume prendido nun turismo Opel Astra e en parte dun alpendre cercano, segundo lume que non fora advertido polo 112 e que semellaba non ter relación causa-efecto co do vehículo. O Grumir de Brión rematou a súa intervención ás 6:00 horas. Só houbo que lamentar danos materiais no vehículo e no alpendre.

Ningún comentario: