Santiago - teatro e maxia na programación infantil do concello

Teatro con ‘A folla máis alta’ e maxia con ’15 ilusións para unha noite’ no programa Infantil&Familiar
’A folla máis alta’ de Paula Carballeira será posta en escena por Berrobambán hoxe, sábado 22 ás 18.30h no Teatro Principal

’15 ilusións para unha noite’, co ilusionista Marín Varela será o vindeiro mércores 26 ás 19.30h, tamén no Principal 

Continúa a programación de Infantil&Familiar que ofrece o departamento de Cultura para este Nadal e as vindeiras citas serán co teatro e a maxia. ‘A folla máis alta’ de Paula Carballeira será posta en escena por Berrobambán hoxe sábado 22 ás 18.30h no Teatro Principal. Pola súa banda, ‘15 ilusións para unha noite’, co ilusionista Marín Varela será o vindeiro mércores 26 ás 19.30h, tamén no Principal. As entradas para calquera dos dous espectáculos son a 5 euros individual podendo adquirirse un bono familiar de 4 entradas por 15 euros. Poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado e días de evento; e as da maxia tamén en Novagaliciabanco.


A folla máis alta é unha aposta polo xogo, un xogo que transforma as palabras en pequenas historias nas que contamos que fomos nenos antes de ser adultos, e que tiñamos grandes soños, grandes amigos, unhas ganas enormes de medrar para comernos o mundo, para morder a folla máis alta da árbore, a máis verde, a máis fermosa, e que cando medramos nos decatamos de que sempre hai unha folla máis alta, e que esa folla sempre é a máis verde e a máis fermosa, porque nunca poderemos chegar a ela e así seguiremos mantendo esas ganas enormes de seguir medrando e quen sabe se, por fin, mordela.

Con este espectáculo, Berrobambán quere ofrecer unha dobre mensaxe dependendo da idade do espectador. Un espectador adulto verá nel unha procura dos soños, dos desexos máis agochados que nunca debéramos —nin debemos— perder cando nos facemos maiores. Aos espectadores infantís falámoslles desde a nosa infancia para amosarlle que, en realidade, se os adultos non deixáramos de perseguir os nosos soños non seriamos tan diferentes deles. É isto o que o fai un espectáculo diferente, capaz de sorprender, divertir e emocionar tanto a maiores coma a pequenos.

“15 ilusións para unha noite” é un espectáculo intenso e arrebatador onde os soños, a comunicación, as sorpresas e as emocións aparecerán como por arte de encantamento. É un espazo onde poderás atrapar estrelas . É un encontro con un ilusionista, con un soñador ou con un poeta das ilusións que nos trae unha mensaxe de esperanza: o futuro é de todos aqueles que creemos na maxia."

As entradas para calquera dos dous espectáculos son a 5 euros individual podendo adquirirse un bono familiar de 4 entradas por 15 euros. Poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado e días de evento; e as da maxia tamén en Novagaliciabanco.

Ningún comentario: