BNG Trazo - Martín Rei Leis encabezará a candidatura do BNG no concello

Mocidade, compromiso, forza e moitas ganas de traballar para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do concello son os sinais de identidade das persoas que configuran o primeiro tramo da candidatura do BNG de Trazo, que encabezará Martín Rei Leis. Canda el, Lucía Noia, de 23 anos, ocupa o segundo posto, seguida de Xosé Mª Fernández, de 44 anos; Cesar Boquete, de 37 anos e Vanesa Rei de 26 anos.

Martín Rei Leis, aos seus 24 anos, está a piques de rematar os estudos de enxeñería de Obras Públicas e o ciclo de imaxe. Para este mozo cheo de ilusión e de ganas de dalo todo polo seu concello, o máis salientábel deste primeiro tramo xa ratificado pola asemblea local é que se trata dunha candidatura renovada mais tamén nova, composta por persoas, homes e mulleres, que se presentan co “firme compromiso de transformar Trazo para que, dunha vez por todas, se abra ás veciñas e veciños apostando por priorizar, en todas as políticas municipais, as necesidades das persoas e non outras”.

Rei entende que é “vital” escoitar e atender as demandas das asociacións veciñais, culturais e deportivas, e recuperar o dinamismo económico local promovendo os sectores produtivos do concello, desde o comercio ou o turismo, até o agropecuario.

Transparencia absoluta
Para o BNG de Trazo é imprescindíbel que muden radicalmente as formas de gobernar. “As veciñas e os veciños teñen dereito a estar informados en todo momento para poder contribuír na construción dun concello mellor”. Por iso asegura que o Bloque dará conta, polo miúdo, de toda canta decisión se tome, “do que pasa no concello, cando son os plenos ou en que se está a gastar o diñeiro”.

O BNG denuncia que hai moitos servizos infrautilizados ou que desaparecen simplemente por non informar debidamente dos mesmos, como por exemplo das liñas de bus con Compostela. Fronte a isto, “queremos dotar a Trazo daqueles servizos que as veciñas e veciños consideren necesarios para facer uso deles”.

Entre os servizos que consideran esenciais o BNG salienta os centros de saúde. Neste sentido aposta por que se inclúan no PAC de Santiago, para que a veciñanza non teña que trasladarse a Ordes e demanda un Centro de Día. Respecto doutras infraestruturas subliña que “Trazo non precisa unha autoestrada, mais si que se conserven e amañen as estradas e a sinalización existente”.

Ningún comentario: