Cámara de Comercio - nova campaña de captación de empresas para conseguir aportacións voluntarias

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inicia unha nova campaña de captación de empresas nos trinta e dous concellos da súa área cameral. A entidade, avalada pola súa extensa experiencia no compromiso empresarial coa cidade e a súa área metropolitana, terá a partir de agora un financiamento privado, baseado na prestación de servizos abonados polas empresas, convenios e encomendas de xestión coas Administracións públicas e aportacións voluntarias das firmas. 

A nova lei de Cámaras de Comercio confirma a natureza das Cámaras españolas como corporacións de dereito público, con atribucións nunha serie de funcións público-administrativas e outras funcións de carácter privado. Neste novo proxecto, a normativa establece que todas as empresas pertencen á Cámara de Comercio, sen que esta adhesión derive nunha obriga económica. O feito de formar parte da entidade proporciona ás empresas, entre outros beneficios, o dereito de participar activa e pasivamente nos procesos electorais correspondentes. 

Amplas vantaxes para as empresas que realizan aportacións voluntarias
As empresas da demarcación interesadas en realizar aportacións voluntarias á Cámara poderán recibir servizos gratuítos ou bonificados, terán acceso en condición de igualdade de oportunidades e proximidade aos servizos camerais e alcanzarán unha maior representatividade nos órganos de goberno. Ademais, todas as empresas poderán participar dunha institución fundamental para a “vertebración empresarial” da demarcación cameral, formarán parte da maior rede de representación empresarial a nivel mundial, imprescindible a nivel internacional para impulsar a competitividade dos países e a promoción e regulación do comercio internacional. 

Tamén formarán parte dunha corporación de dereito público ao servizo das empresas e do interese xeral da economía, defendendo intereses xerais e non particulares, e serán membros dunha institución catalizadora de propostas de interese empresarial cara as administracións públicas.

Servizos de calidade con persoal “altamente” cualificado e especializado
As empresas que realicen aportacións voluntarias á Cámara de Comercio de Santiago poderán beneficiarse de servizos de formación, promoción internacional, emprendemento e creación de empresas, innovación e mellora da competitividade, tramitacións e servizos xerais e información e labor consultivo coas administracións públicas a prezos bonificados. Outras vantaxes da profesionalización e modernización da xestión da Cámara de Comercio son a calidade dos seus servizos e a alta cualificación e especialización do persoal da entidade. Os seus profesionais prestan servizos útiles, orientados á “excelencia” comercial e á proxección internacional das empresas.

As empresas interesadas en formar parte da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela poden facelo a través do formulario de solicitude colgado na súa web www.camaracompostela.com, polo correo ordinario (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo, 15701. Santiago de Compostela) e no teléfono 981 596 800.

Ningún comentario: