Case douscentos veciños e veciñas de Oroso asistiron á segunda edición da Gala da Cultura, uns premios cos que o Concello de Oroso recoñece o mérito das persoas, entidades, asociacións e empresas que destacaran no ámbito cultural e a proposta da propia veciñanza do municipio, que é quen presenta os candidatos. Unha gala celebrada no centro cultural de Sigüeiro e presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira.
Manuel Mirás expresou o seu agradecemento tanto aos veciños e veciñas que participaron no proceso de nomeamento como aos propios distinguidos na II Gala da Cultura do Concello de Oroso pois “un pobo sen cultura é un pobo sen alma. A cultura fainos mellores persoas, é algo que se leva dentro e que ninguén nos pode quitar”. Mirás asegurou que “Oroso está á vangarda da cultura en Galicia, pero temos que dar aínda un paso máis” e citou o certame internacional GoisOrosoArtes como “o buque insignia da nosa cultura, porque deu a coñecer Oroso por todo o mundo”.
Pola súa banda, Antonio Leira explicou que esta gala “é un recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Oroso porque todos son gañadores. Xuntos creamos unha sociedade máis xusta e un concello que é todo un referente cultural na contorna”. Tras o seu discurso, e antes de proceder á entrega dos premios, o Concello de Oroso fixo entrega dos diplomas aos veciños e veciñas participantes nos distintos obradoiros culturais que se celebran cada ano en Oroso.
Manolo Pazos, recoñecemento á traxectoria
O gran premio da noite, o recoñecemento especial á traxectoria no mundo da cultura foi para o historiador Manolo Pazos, quen asegurou que este premio “amosa o útil que é facer traballos a prol da sociedade e un apoio ao meu labor para coñecer o pasado para entender o presente”. Pazos Gómez explicou que esta distinción é “un premio a unha actividade que desenvolvemos e na que estamos na vangarda: a recuperación da nosa memoria histórica”. Os dous finalistas desta categoría foron Abel Rodríguez Noya, mestre de baile tradicional galego na Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre dende 1983; e Santiago Martínez Otero, ferreiro. Os outros nomeados, Guadalupe González Ferreiro e Manuel María Suárez Monje, recibiron un diploma acreditativo.
O momento máis emotivo da noite protagonizárono os integrantes da xa desaparecida banda de música Lira de Senra, que recibiron o Recoñecemento especial á Asociación/Entidade. Un dos seus integrantes, Francisco Fernández Patiño, agradeceu especialmente este premio, sobre todo nuns tempos nos que “estudar música era moi difícil” e porque “faltamos moi poucos membros da Lira por marchar” (xa que todos os que quedan son de idades moi avanzadas). Un agradecemento que lle valeu o aplauso máis forte de toda a noite por parte dos case douscentos veciños e veciñas presentes. A Lira de Senra foi creada no 1900 e desapareceu no 1970. As finalistas desta categoría foron a Coral Polifónica de Senra e a Asociación Cultural Néboas no Cumio. Recibiron diploma acreditativo a Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso e a Agrupación Folclórica Buxos Verdes.
O recoñecemento á promesa foi para Perico González Balado e Alexandro Fernández Pita, que veñen de crear a webserie “Gafas e pallaso” e que en pouco máis de 15 días superou as dez mil visualizacións, converténdose na segunda webserie máis vista desa semana en España. Perico González asegurou que “é un pracer recoller un premio que antes foi para a Familia Caamaño”, sobre todo cando “non recibira un premio en quince anos, cando gañei un concurso de debuxo. E déronmo porque daba pena o debuxo”. Ambos coincidiron na necesidade da apoiar este tipo de iniciativas de vídeo e cinema dende as Administracións. As finalistas da categoría promesa foron a escritora Tania Carro Carbia e a fotógrafa María Marcos Gómez. Recibiron o seu diploma acreditativo as dúas nomeadas máis novas da Gala: Carla Veiga Otero e Sara Romero Rial.
Por último, o recoñecemento á empresa que máis colabora coa cultura recaeu no Restaurante Mariñaos, que colabora ano tras ano no Entroido Oroso e nas Xornadas Micolóxicas. Os finalistas foron La Caixa, pola súa colaboración no certame Gois Oroso Arte e no programa “Reorientamos”; e Restaurante Cortés, pola súa colaboración en distintos eventos organizados no eido da cultura no municipio.
CURRÍCULOS DOS GAÑADORES
Recoñecemento especial á Traxectoria
GAÑADOR: Manuel Pazos Gómez.
Naceu na parroquia de Marzoa. Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela é un dos fundadores da Asociación Cultural "Obradoiro da História" (1996). Autor de varias publicacións, folletos e artigos que versan sobre Historia Local, tamén ten participado como relator en numerosas xornadas, seminarios, congresos…Foi responsábel de varias exposicións relacionadas coa Etnografía e a Memoria Histórica, así como da apertura de roteiros de interese histórico e natural.
Está considerado como un dos máis destacados investigadores da arqueoloxía, etnografía, memoria histórica e historia oral da comarca de Ordes. É responsable do Arquivo Histórico de Fotografía, que en xuño fará a súa primeira publicación. Ten publicados varios libros: “Os camiños antigos do Concello de Oroso: guía do Antigo Camiño Real ou inglés”, “Ordes, crónica fotográfica do século XX”, “Despois da guerra”, “San Martiño de Marzoa: imaxes para o recordo”, “A guerra silenciada: mortes violentas na comarca de Ordes 1936-2952” e este mesmo ano “A República da Berxa”. Tamén ten colaborado en libros como “Concello de Oroso: Guía Histórica en Imaxes” e “Concello de Oroso: guía turística”.
FINALISTA: Santiago Martínez Otero.
Foi durante dez anos na procura dos auténticos Ferreiros para observar as súas técnicas e axudándolles no seu traballo con tal de que lle deran un par de leccións a cambio e así acadar a súa propia técnica. Así formou un taller de forxa con Mingos, antigo compañeiro e máis tarde o taller “Forxa Chago”, co que practica o oficio actualmente. A súa labor vai dende a restauración de forxa e calquera elemento metálico coma a fabricación de calquera estrutura de ferro, así como asesoramento e formación os profesionais do sector da restauración.
O consorcio de Santiago aproveita este artesán para a realización de obras que anteriormente non eran capaces de afrontar por falta de técnicos cualificados. Entre as súas intervencións figuran a recuperación da carraca da Catedral de Santiago (construíndo unha réplica da antiga carraca), restauración da fachada sur do Pazo de Raxoi, mantemento das varandas de forxa tamén do Pazo de Raxoi, restauración dunha reixa do Mosteiro de San Paio de Antealtares, restauración da Casa do Cabildo e un longo etc…A inquietude deste ferreiro non queda aí, senón que tamén fai difusión do oficio da forxa nas feiras medievais facendo demostracións. Tamén ten realizado esculturas, tres das cales están en Oroso, e ten participado en series da televisión de Galicia así como en curtametraxes.
FINALISTA: Abel Rodríguez Noya.
Mestre de baile tradicional galego na Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre dende o ano 1983, ademais de dedicarse a recuperación de bailes tradicionais e do traxe tradicional por toda Galicia. É representante de Galicia no Festival Intercéltico en Francia. Formou parte de distintas asociacións (“Brisas da Terra”, no grupo de baile da asociación de veciños “Río Sarela”, no grupo de baile da asociación de veciños de Villestro e tamén no grupo de baile da asociación de veciños “A Gracia”, todas elas en Santiago de Compostela). Ademais forma parte da coral “Carrocera Castrosúa” (Santiago de Compostela).
Ao longo da súa traxectoria obtivo varios recoñecementos:
- 1º premio en baile tradicional 1988 no concurso Cantigas e Agarimos en Santiago de Compostela coa agrupación Lembranzas do Tambre
- 1º premio en baile tradicional no Concurso A. C. Xacarandaina, na Coruña tamén con Lembranzas
-2º premio en baile tradicional no 1991 no concurso Cantigas e Agarimos en Santiago de Compostela con Lembranzas do Tambre
- 4 medallas de ouro nas Xornadas de Folclore Galego de Santiago de Compostela nos anos 1975, 1984, 1987 e 1989 e varias de prata e bronce.
-1º premio no festival de Ourense varios ano
-1º premio por dúas ocasións no Festival de Anceis (Cambre)
-1º bailarín das xornadas de Folclore Galego de Santiago de Compostela nos anos 1987 e 1989.
Recoñecemento especial á Promesa 2014
GAÑADOR: banda Lira de Senra.
Segundo contan os veciños, a banda puido ser fundada entre outros por Constante Rey Castromil sobre o ano 1900. Os comezos da banda foron complicados. Constante aprendera algo de música en Cardama, sendo os seus mestres tres irmáns desta parroquia coñecidos como “os irmáns da Casa de Anxelo”. Ademais de Constante tocaban José Barreiro Castro, máis coñecido como “José de Ramón”, Mosqueira do Regueiro, Xacinto de Ardrís, Chinto de Cardama e algún máis. A medida que avanzaban os anos, algúns deles regresaban do exército e traian consigo novas pezas e máis coñecementos musicais. A banda ía pouco a pouco aumentando en número pero non tiñan director, Constante ou José Ramón facían as veces de directores.
No 1915 aparecen numerosas partituras arregladas por José Barreiro Castro. Nos anos 20 e principios do 30 a banda empeza a ter contactos con numerosas casas de música doutros lugares de España. Ata o 1936 a banda viña realizando unha media de 35 actuacións por ano sendo a maioría polos arredores: Senra, Cardama, Gándara, Budiño, Marzoa e algunha outra en Santiago. Nos anos da guerra é cando máis bandas se desfán por causa do recrutamento da maioría dos membros. Aínda así a banda Lira de Senra realiza unhas 14 actuacións no 36 e 19 no ano 39.
Pasados estes anos a banda volvese a formar e empezan de novo os ensaios, que son realizados en diferentes lugares o longo da vida da banda ( na casa de Rey e na taberna na casa de Gaspar). Aparece no 1945 a figura do director, que sería Mariano Rodríguez, aínda que nos seguintes anos o posto de director sería ocupado por varias persoas. É nestes anos cando ven a mellor época da banda con máis de 30 compoñentes e Angel Pereiro Cores de director. Nesta época facían máis de 70 actuacións no ano e ensaiaban dúas veces por semana. En 1970 a banda se desfai definitivamente. A marcha do director uns anos antes, unido a que algúns músicos marchan para a banda de Arca, provoca a desaparición desta gloriosa banda, que fixo historia no municipio.
FINALISTA: Coral Polifónica Santa Eulalia de Senra
Fundada en 1997 foi a primeira coral que se creou en Oroso. Ao longo destes anos ven desenrolando a súa actividade dentro de Oroso en festivais de corais, na festa dos maiores, festas enxebres, festival de panxoliñas e tamén realizou intercambios con outras agrupacións, viaxando tamén a Portugal.
FINALISTA: Asociación cultural Néboas No Cumio.
Agrupación folclórica que nace no 2007 por iniciativa dun grupo de amigos amantes da musica tradicional galega que decidiron recuperar parte do noso folclore. Colaboran en numerosos programas do Concello Como o festival de Panxoliñas do Nadal, no programa cultural da Festa da Troita ou no Festival Folk. Fixeron actuacións nas distintas parroquias, achegándose os veciños do rural, actuacións na residencia da terceira idade, participan no programa Noites de Tasca, numerosas actuacións por todo Galicia e tamén no municipio de Gois (Portugal).
Recoñecemento especial á Promesa 2014
GAÑADOR: Perico Balado e Alexandre Pita
Un publicista, guionista, produtor e fotógrafo e un comunicador audiovisual, director, produtor e guionista que xuntos crearon a webserie “Gafas e pallaso” o pasado 16 de marzo. O seu primeiro capítulo superou as dez mil visualizacións en quince días, converténdose na segunda webserie máis vista da semana en España, feito máis que considerable xa que é un proxecto audiovisual en galego. “Gafas e pallaso” conta con máis de 1500 seguidores na súa páxina de facebook e está preto dos 800 en twitter.
Durante o último ano pasaron por diante das súas cámaras actores e humoristas de prestixio como Dani Mateo, Berto Romero, Joaquín Reyes, Miguel de Lira ou Xosé Antonio Touriñán. E mesmo algún deles ata visitou Oroso para participar na webserie, como se verá nos vindeiros capítulos. Neste momento están a traballar na montaxe do seu segundo episodio, que verá a luz neste mes de abril.
FINALISTA: María Marcos Gómez
Graduada en Bellas Artes na universidade de Vigo e máster de investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en contextos escolares no campus de Ourense pola universidade de Vigo. Actualmente é profesora do obradoiro de fotografía dixital de Oroso. Realizou distintas exposicións fotográficas tanto colectivas como individuais dentro do Outono Fotográfico e en centros socio culturais de Santiago de Compostela.
FINALISTA: Tania Carro Carbia
Ten 22 anos e comezou a escribir a súa primeira novela aos 12 anos, publicándoa cando tiña 16 (ano 2008) co título “El Tesoro Oculto” (primeira parte). No ano 2010 publicou “El tesoro oculto” (segunda parte) e no 2013 proseguiu coa escritura da última parte da triloxía.

Ningún comentario:
Publicar un comentario