Xunta - Colaboración coa Fegamp para respostar os afectados por execucións hipotecarias

O Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias acordaron hoxe poñer en marcha medidas para axilizar a resposta aos afectados por procedementos de execución hipotecaria a través dos distintos programas públicos de vivenda.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo esta tarde unha reunión de traballo co presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, e cos voceiros da entidade para abordar a nova Lei do Solo e o Plan rehaVIta, o primeiro plan autonómico de vivenda.

Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos iniciada onte co Valedor do Pobo, para achegar a institucións e colectivos sociais a información necesaria para que colaboren na difusión dos programas públicos de vivenda e poder así chegar ao maior número de persoas posible.

A conselleira trasladou á Fegamp as medidas que se recollen no Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020, Plan rehaVIta, para facilitar o acceso á vivenda ás familias que máis o necesitan. 

En concreto, durante a reunión a conselleira detallou o programa de apoio a situacións de emerxencia residencial, orientado a ofrecer solucións a situacións de imposibilidade de acceso a unha vivenda. Instruméntase a través do programa de realoxos xa existente para afectados por execucións hipotecarias, ou de medidas novidosas como o Bono Alugueiro, de apoio urxente para familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda. As situacións de necesidade serán avaliadas polos concellos, como entidades máis próximas ao cidadán. 

Este programa inclúe tamén unha liña de axudas para a reparación de infravivendas rurais en concellos de menos de 5.000 habitantes. Dirixidas a persoas do ámbito rural sen recursos e que posúen unha vivenda que non dispón das condicións mínimas de habitabilidade ou están en situación de semirruína. 

Durante a reunión a conselleira sinalou que a implicación dos concellos é fundamental para o funcionamento eficaz de medidas como o Bono Alugueiro, o programa de vivendas baleiras ou as axudas para reparacións de infravivendas rurais.

Reforzo da autonomía local en materia urbanística

Durante a xuntanza, a conselleira trasladoulle tamén á Fegamp que a nova Lei do solo incorporará todas as achegas dos concellos ao anteproxecto que son compatibles coa lexislación estatal, co obxectivo de reforzar a súa aposta pola autonomía local en materia urbanística.

Ethel Vázquez e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladaron aos representantes da Fegamp o resultado da análise das achegas da Federación Galega de Municipios e Provincias. Tal e como explicaron, a Xunta acordou incorporar a necesidade de que os concellos implicados na elaboración ben do plan básico autonómico ou ben dos plans básicos municipais –que a Xunta elaborará para os municipios cunha poboación inferior a 5.000 habitantes que carezan de planeamento municipal- emitan un informe determinante no trámite de información pública dos plans. 

Tamén á suxerencia da Fegamp, o anteproxecto suprime a delimitación obrigatoria dos núcleos rurais tradicionais como máximo a 50 metros das edificacións tradicionais existentes. Na liña do incremento da autonomía municipal, facúltase ao concello a realizar un estudo pormenorizado do modelo de asentamento atendendo a criterios de consolidación edificatoria para fixar a delimitación do núcleo.

Outro dos aspectos incorporados ao anteproxecto da Lei do Solo ten que ver coa ampliación das edificacións tradicionais (as de máis de 40 anos) existentes en núcleo rural ata nun 50%, aumentando así unha posibilidade restrinxida ata o de agora ao solo rústico. En concreto a lei permitirá a rehabilitación, reconstrución e por razóns xustificadas a ampliación ata o 50% sempre que non se desvirtúe a tipoloxía e se adapte á contorna preexistente e se destine a usos residenciais, terciarios, produtivos, actividades turísticas, artesanais, pequenos talleres e equipamentos. 

Nas súas achegas, a Fegamp tamén fai unha especial énfase na necesaria axilización da tramitación, un aspecto que o anteproxecto soluciona coa unificación da petición dos informes sectoriais autonómicos, que se deben emitir nun prazo de 3 meses, operando o silencio administrativo. Estes informes serán recabados pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Ademais, a nova lei integra a tramitación ambiental na urbanística, facendo un importante esforzo na simplificación do trámite.

Actualmente, o anteproxecto da Lei do Solo atópanse recibindo os diferentes informes solicitados, previos á súa aprobación como Proxecto de Lei polo Consello da Xunta nos vindeiros meses. 

Ningún comentario: